spacer
Jorge Puig Malvar e Uxía Pérez Bugarín gañan a IX Carreira Pedestre Popular Concello de Frades, que rexistra o seu récord de participación: 660 atletas

Os atletas Jorge Puig Malvar e Uxía Pérez Bugarín (Atletismo Feminino Celta) foron os gañadores da novena edición da Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, celebrada esta mañá na contorna de Ponte Carreira e que rexistrou a maior participación da súa historia: 660 atletas, 90 máis ca na edición de 2023 (que con 570 marcara o anterior récord). Bocelo e Mosquera toman así o relevo de Pablo Bocelo Bellas e Sandra Mosquera Losada, gañadores da anterior edición e que non participaron este ano.

O tempo acompañou e, a pesar das predicións de choiva, esta só apareceu durante a entrega de trofeos, o que permitiu que todas as probas se desenvolveran con normalidade e que os tempos dos gañadores foran semellantes aos de edicións anteriores, é dicir, máis dun minuto menos que na edición de 2023, caracterizada polo sol e por un ritmo de carreira moito máis lento do habitual.

Despois de quedar terceiro na edición de 2023, Jorge Puig Malvar gañou hoxe con autoridade cun tempo de 25 minutos e 47 segundos, rebaixando en dous minutos a súa marca do ano pasado. O atleta pontevedrés, que vén de gañar a Sant Ya Go 10K e flamante gañador da prestixiosa Vig Bay de 2023, sacoulle 19 segundos ao segundo clasificado, Pablo Otero Fariña (Atletismo Torrelavega), que marcou un tempo de 26 minutos e 6 segundos. Completou o podio Hugo García Souto (Portugalete), segundo clasificado en 2023, cun tempo de 26 minutos e 29 segundos. Tamén foron premiados os atletas Víctor Puyuelo Pardo e Juan Negreira Montero, cuarto e quinto clasificados, respectivamente. 
 
Proba feminina

Deste xeito, mantense a “maldición” de que ningún atleta masculino é quen de repetir vitoria en Frades dous anos consecutivos. Na proba feminina, o triunfo recaeu nunha debutante en Frades: Uxía Pérez Bugarín, do Atletismo Feminino Celta, cun tempo de 31 minutos e 3 segundos, rebaixando nun minuto o tempo da gañadora do ano pasado. A atleta tudense, que viña de ser segunda no 10K de Porriño e de gañar os 3.000 metros da Liga Nacional de Clubs, impúxose con autoridade a Rebeca Mariño Torrado, da SD Barbantia Roda. Completou o podio Susanne Ewening, do Club Triatlón Tetuán Madrid, cun tempo de 34 minutos e 20 segundos. Tamén foron premiadas Elena Verea e Alba Isorna, ambas atletas da SD Compostela Atletismo, que completaron un quinteto de premiadas inédito nesta proba.

Outros premios

Ademais dos correspondentes trofeos, estes dez primeiros clasificados de ambas categorías levaron uns premios en metálico de 300, 200, 100, 75 e 50 euros, respectivamente. O Club Triatlón Compostela gañou a categoría por equipos, impoñéndose ao Club Atletismo Sar e ao Club Atletismo Tambre (Oroso). Na categoría feminina repetiron triunfo as atletas da SD Compostela Atletismo, seguidas polo Club Atletismo Arenteiro.

O mellor atleta local volveu ser Adrián Garabato Lagares (Club Atletismo Santiago) cun tempo de 29 minutos e 26 segundos; e Pili Carreira Otero, cun tempo de 50 minutos e 44 segundos. Completaron o podio masculino José Ramón Rodríguez Lagares, do CD Mesoiro, e David Cepeda, segundo na edición de 2023.

Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado polos concelleiros de Deportes, Juan Carlos Portos Bra; Xuventude, Jesús Miguel Prado; Maiores, Jesús Francos; e Ensino, Manuel Ferreiro. Todos os participantes nas probas escolares recibiron cadansúa medalla e unhas lambonadas, mentres que todos os atletas levaron unha camiseta de agasallo e desfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, bebidas enerxéticas, leite e froita, cortesía dos patrocinadores da proba. Ademais dos tradicionais servizos de ducha e roupeiro, os participantes que o precisaron tamén puideron gozar tamén dun servizo de fisioterapia totalmente de balde.

Roberto Rey agradeceu o bo traballo desempeñado pola Federación Galega de Atletismo e Emesports, así como a colaboración dos membros de Protección Civil de Ordes, Ambulancias Nordés e voluntarios de Frades, que permitiron que a proba se desenvolvese sen incidencias. 

A IX Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Cooperativa Leiteira de Frades, CLUN, Gofer Frutas Ordes, Froitería A Nova, Nutri Sport, Sportec Ordes, Erimsa, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Pepsico, Camba Distribuciones SL, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Supermercado Tandy, Bar Vilariño, Toribio Viqueira, Imprenta Alpi, Garabato de Xogos, Artio e Carreiras Galegas.

Paula Mayobre é a dominadora absoluta desta proba, que gañou en cinco das súas nove edicións (só quedou segunda en 2016, tras Ester Navarrete, e non participou nas tres últimas edicións). Na proba masculina só Lolo Penas e Nuno Costa, foron quen de inscribir o seu nome dúas veces entre os gañadores. O resto de triunfos foron para Víctor Rioboo, Hassan Lekhili,  David Santos e Pablo Bocelo.

Jorge Puig Malvar e Uxía Pérez Bugarín gañan a IX Carreira Pedestre Popular Concello de Frades, que rexistra o seu récord de participación: 660 atletas