Un total de 45 veciños e veciñas de Frades fan unha visita guiada ao museo de Estrella Galicia e ao Aquarium Finisterrae
Un total de 45 veciños e veciñas de Frades participaron este sábado nunha excursión á cidade da Coruña, organizada polo Concello de Frades. Unha viaxe na que realizaron cadansúas visitas guiadas a MEGA, o museo da cervexeira Estrella Galicia, e ao Aquarium Finisterrae.
A expedición saíu de Frades ás 10:00 horas encabezada polos concelleiros de Maiores, Jesús Francos, e Servizos Sociais, Ángeles Álvarez. A primeira parada foi o museo da cervexeira Estrella Galicia, onde fixeron unha visita guiada que rematou cunha degustación de cervexa. Tras xantar na Coruña, a primeira hora da tarde visitaron a Casa dos Peixes, incluída nos Museos Científicos Coruñeses. O resto da tarde aproveitaron o descanso dado pola choiva para percorrer libremente a cidade antes de emprender volta a Frades.
A próxima saída programada polo Concello de Frades será a segunda etapa do Camiño de Santiago “Vía da Prata”, que terá lugar o sábado 30 de novembro. As persoas que se anoten percorrerán os 22,4 quilómetros que separan Allariz de Ourense. O prezo é de 10 euros por persoa (non inclúe xantar) e as inscricións poden formalizarse no Concello de Frades, no 981 695 567 ou no 981 695 663.