Os Reis Magos volverán chegar un día antes a Frades, concretamente mañá sábado 4 de xaneiro, onde ás 16:00 horas participarán nunha cabalgata polas rúas de Ponte Carreira e despois cunha gran Festa de Reis no polideportivo municipal, entre as 17:00 e as 20:00 horas. Unha actividade na que o Concello de Frades conta coa colaboración da ANPA CPI Ponte Carreira e da agrupación folclórica Sarillo de Aiazo, que volverá poñer a nota musical.

A sétima Cabalgata de Reis de Frades percorrerá as rúas de Ponte Carreira a partir das 16:00 horas, de onde sairán a paso lento pola rúa do Ensino ata chegar ao polideportivo municipal de Ponte Carreira. Un desfile no que as Súas Maxestades estarán acompañados pola música do grupo folclórico Sarillo de Aiazo e por varias mascotas.

Ás 17:00 horas, o polideportivo municipal acollerá unha gran Festa de Reis con inchables, animacións, xogos populares, bailes, lambetadas, mascotas, obradoiros e un canón de neve, que repite despois do gran éxito conseguido o ano pasado.  Así mesmo, repartirase chocolate e roscón de Reis entre todas as persoas participantes. 

Este é o sétimo ano consecutivo que se organiza a cabalgata no Concello de Frades. Unha iniciativa que se programou inicialmente un día antes do habitual debido a que as familias do municipio tiñan xa o costume de levar as crianzas aos desfiles de Santiago ou de Ordes, pero que resultou un gran éxito de participación, o que fixo que se mantivera xa como tradición que os Reis Magos cheguen un día antes do habitual ao municipio.

Os Reis Magos chegarán mañá sábado a Frades cunha cabalgata polas rúas de Ponte Carreira e cunha Festa de Reis no polideportivo