spacer
O Concello de Frades saca a licitación por máis de 100.000 euros as obras de reparación da piscina municipal

O Concello de Frades vén de sacar a licitación as obras de reparación da piscina municipal por 101.066,29 euros (IVE incluído) e un prazo máximo de execución de seis meses. As empresas que estean interesadas en participar nesta licitación, polo procedemento aberto e tramitación ordinaria, teñen ata o vindeiro 2 de marzo para presentar as súas ofertas na Alcaldía do Concello de Frades.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que estas obras “son moi necesarias porque na actualidade hai importantes fugas de auga e tamén é necesario facer reparacións no vaso da piscina e unila coa zona da reixa. Estamos perdendo moita auga e non podemos seguir así”. De acordo cos criterios de adxudicación establecidos nas bases da convocatoria, o Concello de Frades valorará especialmente a redución dos prazos de execución das obras así como o aumento do período de garantía destas, mentres que a oferta puramente económica só representará o 5% do total.

Impermeabilización do vaso

As obras incluirán o arranxo de tres puntos da instalación: o vaso da piscina, o sistema de depuración e a canalización perimetral. No caso do vaso da piscina, os defectos no seu illamento e as fugas da canalización que o rodean provocan un consumo extra de auga para manter o nivel da piscina, o que supón un gasto adicional para a instalación e un desperdicio de auga potable. Os traballos incluirán o picado do azulexo actual, que será substituído por unha plaqueta de porcelana de cor branca, logo da impermeabilización previa e a reparación de fisuras no vaso da piscina e no depósito de compensación.

Así mesmo, demolerase a canalización perimetral actual e será substituída por outra cun circuíto en PVC para a condución da auga ao depósito de compensación. Finalmente, substituiranse os circuítos hidráulicos, as bombas dosificadoras e as distintas válvulas do sistema de depuración. Isto permitirá automatizar o sistema, xa que actualmente os defectos que presenta obrigan á presenza constante dun operario na instalación para controlar e revisar manualmente o sistema. As obras están incluídas no Plan Complementario da Deputación da Coruña, aprobado en setembro de 2019 polo Pleno do Concello de Frades.