O Concello de Frades reparte máscaras reutilizables para persoas adultas e cativas en todas as vivendas do municipio
O Concello de Frades repartiu máscaras reutilizables a todas as persoas adultas e cativas empadroadas no municipio, que recibiron durante esta fin de semana nos seus domicilios. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez indica que “se houbo algún erro no reparto e algunha persoa ou vivenda quedou sen máscara, non ten máis que chamar ao 981 695 567 e achegarémoslla ao seu domicilio”.
Así, durante a fin de semana persoal municipal repartiu nas setecentas vivendas do municipio un paquete que incluía: unha máscara de tripla tea reutilizable para cada persoa adulta, información sobre como utilizar e desinfectar esa máscara, un folleto informativo sobre o coronavirus e un segundo folleto con pasatempos. A maiores, naquelas vivendas onde había nenos ou nenas, tamén se lles entregou unha máscara de tea de cores reutilizable doada pola Mancomunidade de Ordes, un folleto con pasatempos para a cativada e unha bolsa de lambonadas, “como premio polo ben que o están a facer durante estas semanas de confinamento”, apunta Rey Martínez.
Máscaras cirúrxicas
A maiores, o Concello de Frades comprou outras 1.000 máscaras cirúrxicas dun só uso, que están á disposición dos veciños e veciñas que as necesiten para coidar dun familiar enfermo ou para ir a unha consulta médica ou hospitalaria. “Unhas máscaras que mercamos, sobre todo, para o persoal do servizo de axuda do fogar, que están coidando dos nosos dependentes e realizando un gran labor que é digno de eloxiar sempre, pero aínda máis nestes momentos”, sinala o alcalde de Frades.
Estas máscaras poden recollerse na casa consistorial de Frades. Aquelas persoas que non poidan desprazarse ata aló, poden chamar ao teléfono 981 695 567 e persoal municipal achegaránllelas á casa.