spacer
O Concello de Frades comeza a instalar dispensadores de xel hidroalcohólico en todas as instalacións públicas municipais

O Concello de Frades comezou a colocar dispensadores de xel hidroalcohólico en todas as instalacións públicas municipais como medida de protección contra a COVID-19 para os veciños e veciñas que utilizan estas instalacións. A colocación destes dispensadores iniciouse na casa consistorial, locais sociais, multiúsos, biblioteca, centro da terceira idade e instalacións deportivas municipais.

Así mesmo, nesta primeira quenda instalaranse tamén dispensadores nos centros de saúde de Ponte Carreira e Abellá, no colexio e nas igrexas das distintas parroquias. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “os dispensadores funcionan de xeito automático colocando as mans debaixo, polo que non é preciso que a persoa usuaria teña que tocar nada. Teñen capacidade para 1 litro de xel hidroalcohólico e son recargables”.

Unha vez finalice a instalación dos dispensadores nas instalacións públicas municipais, o Concello de Frades procederá á súa colocación tamén no exterior dos lugares máis transitados do municipio tales como os parques infantís das distintas parroquias ou as prazas onde teñen lugar as feiras de Ponte Carreira e Abellá.