spacer
Dez mulleres de Frades participan no curso de monitora de tempo libre, de 350 horas lectivas

Un total de dez mulleres de Frades participan no curso de monitor de tempo libre organizado polo Concello de Frades e impartido por persoal da Escola Galega de Tempo Libre. Un curso que terá lugar ata o vindeiro 31 de agosto, con 90 horas presenciais obrigatorias no multiúsos de Frades (os luns, mércores e venres, en horario de 16:00 a 21:00 horas) e 110 horas de formación en liña.

O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, foi o encargado de dar a benvida a estas dez veciñas, ás que felicitou por apuntárense a un curso que capacita para a obtención dun título oficial expedido pola Xunta de Galicia. Unha ampla formación que inclúe  lexislación, animación e xogos, animación deportiva, primeiros auxilios, educación ambiental... así como 150 horas de clases prácticas que deberán realizarse no prazo de 2 anos a contar dende o remate das clases teóricas.

Para facilitar a formación da mocidade do municipio, o Concello de Frades decidiu subvencionar con 50 euros o prezo oficial da matrícula, fixado en 250 euros, para todas as persoas empadroadas en Frades cunha antigüidade mínima de 1 ano. A maiores, as alumnas que desexen obter o título oficial deberán aboar á Xunta de Galicia outros 11,69 euros en concepto de taxas de expedición do mesmo.

Dez mulleres de Frades participan no curso de monitora de tempo libre, de 350 horas lectivas