spacer
Comezan as obras de reparación da piscina municipal de Frades, adxudicadas por 98.000 €

O Concello de Frades vén de iniciar as obras de reparación da piscina municipal de Papucín, adxudicadas por 98.041,29 euros á empresa Aquanor Augas del Noroeste e que teñen un prazo de execución de seis meses. Unhas obras que inclúen o arranxo de tres espazos da instalación: o vaso da piscina, o sistema de depuración e a canalización perimetral. 

As obras deron comezo no vaso da piscina, onde se procederá ao arranxo dos defectos no seu illamento e das fugas da canalización que o rodea. Dous defectos que provocan un consumo extra de auga para manter o nivel da piscina, o que supón tamén un gasto adicional para a instalación e un desperdicio de auga potable. Durante estes días procedeuse ao picado do azulexo actual, que será substituído por unha plaqueta de porcelana de cor branca, logo da impermeabilización e reparación de fisuras no vaso da piscina e no depósito de compensación.

Así mesmo, demolerase a canalización perimetral actual, que será substituída por outra cun circuíto en PVC para conducir a auga ao depósito de compensación. Finalmente, substituiranse os circuítos hidráulicos, as bombas dosificadores e as distintas válvulas do sistema de depuración. Isto permitirá automatizar o sistema, xa que actualmente os defectos que presenta obriga á presenza constante dun operario na instalación para controlar e revisar manualmente o sistema.

Comezan as obras de reparación da piscina municipal de Frades, adxudicadas por 98.000 €