Frades aproba o POS+ 2021, que destina 185.000 € a gasto corrente, 96.000 € a obras e 112.000 € a gasto social
O Pleno Municipal do Concello de Frades aprobou o Plan Único de Concellos “POS+ 2021”, do que destinará 96.714,85 euros a obras, 185.629.42 euros a gasto corrente e 44.197,48 euros a amortizar débeda. Unha proposta que saíu adiante cos votos a favor do PP e coas abstencións de PSOE e BNG. Así mesmo, o Pleno aprobou cos votos a favor de PP e BNG, e a abstención do PSOE, participar no POS+ Adicional 2021, que destinará 112.502,68 euros a financiar gastos sociais extraordinarios.
Así, o Concello de Frades destinará os 185.629,42 euros da Achega 2021 ao financiamento de gasto corrente e, por primeira vez nos últimos catro anos, acollerase ao Préstamo Provincial de 2021 para reducir débeda en 44.197,48 euros. Así mesmo, destinará 72.502,68 euros do POS+Adicional a ampliar o servizo de axuda a domicilio e os servizos de perruquería e podoloxía a domicilio; mentres que os 40.000 euros restantes irán a medidas para a atención das persoas especialmente vulnerables.
En canto ás obras, o Concello de Frades destinará 96.714,85 euros ao financiamento de dous proxectos. O primeiro proxecto é a mellora da vía nos accesos a Tarrío (Papucín) e outros, orzamentado en 61.080,29 euros e que inclúe o arranxo de oito pistas do municipio. Así, ademais da mencionada mellora da vía nos accesos a Tarrío (Papucín), inclúense as melloras das vías nos accesos á Devesa (Aiazo), ao Vilar (Céltigos) e á igrexa de Galegos. Tamén se inclúen as melloras das vías de acceso ás pistas da Panica ao Carballal (Mesos) e da Camposa ao Covelo (Ledoira), así como a cadansúas pistas en Ansemonde e O Ar, ambas na parroquia de Abellá. O segundo proxecto incluído no POS+2021 é a mellora das vías da pista AC-524 a Ponte Carballa (Abellá) por 35.634,56 euros.
Para dar continuidade a este segundo proxecto, o Pleno aprobou tamén un Plan Complementario orzamentado en 203.216,52 euros para a mellora do camiño da AC-524 (Abellá) e O Vilar de Arriba (Frades), que inclúe tamén o arranxo do camiño de San Mauro a Cachada (Frades).