spacer
O Pleno de Frades solicítalle ao Estado, Xunta e Telefónica que cubran os 19 núcleos de poboación que carecen plans de acceso a banda larga de Internet

O Pleno Municipal de Frades aprobou por unanimidade solicitar a cubrición das 19 zonas brancas 2020, é dicir, 19 núcleos de poboación que non teñen cobertura nin previsión de despregamento de fibra óptica ou outra solución de conexión a internet. Unha petición que os grupos municipais acordaron formular tanto á Secretaría de Estado de Telecomunicación e Infraestruturas Dixitais do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital; como á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia e ao operador Telefónica SA, por ser o operador con maior presencia no municipio.

Os 19 núcleos con zonas brancas en Frades son: Gasalla (Abellá), Aboi e Campoduro (Céltigos), Outeiro e Reboredo (Galegos), Receá (Ledoira), Canedos (Mesos), Garabanxa (Moar), Consello, Prado, Quintá, Vimieiro e Zochal (Papucín) e Casal, Currillos, Loureiros, Reboredo, Uceira e Vilarxoán. A maiores, solicitouse a inclusión da parte restante en Cimadevila (Frades) e en Moar (Moar).

Cincuenta núcleos este ano

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “grazas ao Plan de Banda Larga 2020 da Xunta e co Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración do Estado, cincuenta núcleos de poboación de Frades que carecían deste servizo pasarán a dispoñer de fibra óptica ao logo deste ano. Por iso, pedímoslles que inclúan en próximas convocatorias as 19 zonas brancas existentes, unha petición que lle trasladamos a Telefónica xa que son os operadores os que solicitan as axudas para cada zona e Telefónica é o operador principal en Frades”.

De feito, Telefónica está xa a realizar traballos de despregue da fibra óptica, que continuarán ata finais de ano, nas parroquias de Abellá (Ar, Barreiro, Canedo, Castro, Cheda, Fondevila, Fontao, Fontemouro, Gándara, Peñasco, Pibideira, Pomariño, Sobre dos Campos e Taberna), Añá (Bouzamonte, A Igrexa, San Paio, Sanamil, Tarrentos, Devesa, Fonsá e Fontelo), Céltigos (Alemparte e A Igrexa), Frades (San Martiño e San Amaro), Gafoi (Currás, Lapelas, Ponte Carreira, Raselo e Sibío), Galegos (Pazo, Ponte e Vista Alegre), Ledoira (A Igrexa, Rivadas e Vilar), Mesos (Caboladrón e Figueira), Moar (Fonte Santaia, Queirís, Vilarello e Pedreira) e Papucín (Carballal, A Igrexa e Outeiro).

Mocións

Na quenda de mocións, aprobáronse por unanimidade sendas propostas a prol da igualdade de xénero presentadas por PSOE e PP; e retiraron outras dúas: os socialistas unha sobre axudas á hostalería e os populares outra sobre bonificacións da AP-9. O PSOE aprobou unha moción na que insta á Xunta a incrementar o financiamento do Servizo de Axuda a Domicilio e se preste coa máxima calidade. A proposta saíu adiante cos 4 votos a favor de PSOE e BNG, e coa abstención do grupo popular. En Frades temos 18.600 horas de SAF e 36 persoas usuarias, a través da Mancomunidade de Ordes. A Xunta achega 180.420 euros, o Concello 50.922,27 e as persoas usuarias 31.866 euros.

Tamén saíu adiante, desta vez por unanimidade, unha moción do PP para instar ao Goberno a baixar o IVE dos salóns de peiteado do 21% ao 10%. Frades conta na actualidade con seis establecementos semellantes. Finalmente, a  derradeira moción dos socialistas, sobre a nova Lei de Saúde, non foi aprobada ao contar unicamente cos 3 votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e os votos en contra do PP.