spacer
A Xunta investirá 380.000 € na substitución da cuberta e das carpinterías do edificio de Infantil e Primaria do CPI Ponte Carreira

A Xunta de Galicia vai acometer a substitución da cuberta e das carpinterías do edificio de Infantil e Primaria do colexio CPI Ponte Carreira de Frades cun investimento de máis de 380.000 euros, o que permitirá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. A actuación ten un prazo de execución de tres meses.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, desprazouse esta mañá a Frades xunto ao xefe territorial de Educación, Indalecio Cabanas, para visitar as instalacións e manter unha reunión co equipo directivo do colexio, encabezado polo director do centro, Jorge Manuel Fernández Guzmán, e o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado polos concelleiros de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, e Mocidade, Juan Carlos Portos Bra.

Actuacións a realizar

Trenor informou da licitación da actuación que se vai levar a cabo e que ten como obxectivo principal  a substitución da cuberta existente de tella de formigón e fibrocemento por unha solución de cuberta de panel sándwich con dobre chapa lacada e illamento intermedio. Ademais, renovaranse os canlóns existentes. Tamén se substituirán as carpinterías exteriores e persianas. Colocarase unha nova carpintería de aluminio anodizado con apertura oscilobatente e con dobre encristalamento.

Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort do alumnado e profesorado que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego, que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento. Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.

Petición de melloras

Pola súa banda, Roberto Rey Martínez agradeceu o compromiso da Xunta de Galicia con Frades xa que “agora mesmo estaba entrando bastante humidade nesta parte do colexio, que é un edificio antigo e con moitas fiestras que agora se van substituír por outras dobres de aluminio”. Así mesmo, celebrou a rapidez na licitación das actuacións “pois iso vai permitir facer as obras durante o verán”.

O alcalde de Frades aproveitou a presenza de Trenor e Cabanas para amosarlles as actuacións de mantemento e mellora realizadas polo Concello de Frades no centro nos últimos anos así como para entregarlles un estudo que recolle as necesidades do CPI Ponte Carreira de cara ao futuro. “Esperamos que o ano que vén haxa o orzamento suficiente para substituír a fachada do colexio e presentaremos diante da Consellería de Deportes un proxecto para solucionar os problemas de condensación e humidade existentes no polideportivo municipal, que tamén dá servizo ao alumnado co colexio”, adiantou Rey Martínez. Finalmente, o alcalde de Frades solicitou a intercesión de Trenor para que a compañía provedora faga chegar a fibra óptica ao colexio canto antes, petición xa aprobada por unanimidade polo Pleno Municipal.

Infraestruturas ao servizo dos retos educativos

Trenor lembrou que a Xunta ten “a obriga e a responsabilidade de coidar a máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos e fillas pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros e compañeiras, onde xogan e onde aprenden a socializar”. 

Neste senso, sinalou a importancia de que todas as novas actuacións en infraestruturas escolares –ben sexan de nova construción ou ampliacións e reformas– fagan especial fincapé no deseño de espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Isto é, “un novo modelo de colexios e institutos na etapa postcovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos”, incidiu o delegado da Xunta. 

Así, a nova arquitectura educativa institucional vai reforzar os colexios na transformación dixital (con polos creativos e espazos maker, entre outros), na aposta pola inclusión (con espazos máis amplos e saudables, que garantan a accesibilidade e a inclusión de todos os seus usuarios e usuarias), e no especial deseño de patios e pistas multideporte, máis sostibles desde o punto de vista medioambiental, e integrados na contorna onde se insiren.

A Xunta investirá 380.000 € na substitución da cuberta e das carpinterías do edificio de Infantil e Primaria do CPI Ponte Carreira