spacer
O Concello de Frades prohibe as cacharelas de San Xoán e San Pedro en lugares públicos

O Concello de Frades vén de prohibir a realización en lugares públicos das tradicionais cacharelas nas noites de San Xoán (23 de xuño) e San Pedro (28 de xuño) como medida excepcional este ano debido á pandemia da Covid-19. Deste xeito, estarán prohibidas as cacharelas nos locais sociais e a súa contorna, prazas, parques, áreas recreativas e xardíns municipais, así como en calquera outro ben de dominio público de carácter especial.

Pola contra, si estarán permitidas as cacharelas en fincas particulares, previa comunicación dos veciños, veciñas ou entidades organizadoras ao Concello (981 69 55 67) antes das 14:00 horas do 22 e 27 de xuño, respectivamente. Estas cacharelas en espazos privados deberán cumprir unhas estritas normas de seguridade como manter en todo momento a distancia de seguridade de 1,5 metros e empregar máscara de protección. O número de asistentes non deberá superar ao que determine a normativa sanitaria aplicable o día da festa.

Todas as cacharelas deberán observar as normas básicas de seguridade tanto no que se refire ao seu volume como á súa separación de edificios, árbores e tendidos eléctricos ou telefónicos. Ademais, non se poderá queimar plásticos, PVC, caucho, rodas ou materiais que poidan estalar, como os sprais. Tamén será preciso que a organización dispoña de material de extinción (extintores, mangueiras...) e que comprobe ao rematar a festa que as cinzas da cacharela queden totalmente apagadas, procedendo á retirada dos restos na maior brevidade posible. En caso de emerxencia, haberá que chamar ao 112.

No caso de facer caso omiso a estas normas básicas, os organizadores serán os responsables dos danos que se puideran producir nos bens públicos e deberán abonar os gastos de reconstrución e reparación que sexan precisos. A Garda Civil vixiará o cumprimento destas normas, formulando a correspondente denuncia en caso do seu incumprimento e o inicio do correspondente procedemento sancionador.