spacer
O Concello de Frades presenta o seu programa de actividades de cara ao 25N

O Concello de Frades vén de presentar a programación de actividades sobre igualdade e violencia de xénero de cara á conmemoración do 25N, día internacional contra a violencia machista. Unha programación que inclúe catro actividades.

A primeira delas terá lugar o venres 12 de novembro coa lectura e adhesión do Concello de Frades ao manifesto "Concellos galegos polo bo trato 2021", promovido pola FEGAMP e cuxa lectura terá lugar durante a sesión plenaria ordinaria de novembro. O xoves 18 de novembro, o alumnado de Secundaria do CPI Ponte Carreira asistirá ao espectáculo teatral "Golpes", que busca concienciar á mocidade sobre a importancia da prevención da violencia de xénero.

O luns 22 de novembro, o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, presentará a campaña "O meu xénero non define o que son" no IES Ponte Carreira e o xoves 25 de novembro terá lugar o reparto de material e a presentación do graffiti da campaña. Así mesmo, ás 12:00 horas, toda a veciñanza está convidada a participar diante da casa do concello nun minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia machista.