spacer
A Consellería de Infraestruturas e Concello de Frades investirán 200.000 € nunha nova potabilizadora de auga en Frades

O alcalde de Frades, Roberto Rey, vén de presentar na Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o proxecto de reforma e mellora da estación potabilizadora de Frades, que ascende a máis de 202.000 euros. Rey Martínez entregoulle á conselleira Ethel Vázquez o proxecto, que “agora vai ser revisado por técnicos de Augas de Galicia para despois asinar un convenio de colaboración por un importe duns 200.000 euros, que serán financiados ao 80% pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e ao 20% polo Concello de Frades”, explica o alcalde.

Roberto Rey agradeceu a boa disposición do departamento que dirixe Ethel Vázquez xa que “na actualidade, a ETAP está ao límite da súa capacidade, polo que os filtros teñen que estar traballando as 24 horas do día para poder satisfacer a demanda existente no concello. Isto fai imposible acometer calquera reforma nunhas instalacións moi deterioradas tanto polo paso do tempo como polo seu uso constante en condicións de máximo rendemento. A conselleira é consciente da situación e por iso propuxémoslle instalar unha nova planta potabilizadora compacta no exterior da actual instalación”.

O alcalde de Frades celebra a boa acollida por parte das autoridades autonómicas xa que “a necesidade de aumentar a capacidade de tratamento da ETAP é debida ao incremento do número de persoas aboadas ao servizo nos últimos anos, favorecido polas sucesivas ampliacións da rede de abastecemento que fomos executando en Frades nos últimos anos en colaboración coa Xunta de Galicia”.

ETAP compacta

Para garantir o correcto abastecemento á veciñanza e nunhas condicións óptimas, o Concello pretende instalar unha nova planta potabilizadora compacta de aceiro inoxidable no exterior da actual instalación, emprazada na parroquia de Gafoi e a uns 300 metros do núcleo de Ponte Carreira. Na actualidade, a auga é captada mediante unha tubaxe no río Tambre e transportada por gravidade cara a ETAP. Unha potabilizadora que capta un volume de auga cada día de 404 m3, sendo a súa capacidade máxima de tratamento de 432 m3, e impulsa a auga tratada a un depósito en Gafoi (40 m3/h).

Para poder tratar un maior caudal de auga que permita o abastecemento do concello de Frades nunhas condicións óptimas é preciso instalar unha nova planta potabilizadora compacta a carón da actual instalación, dunhas dimensións de 10,7 x 2,8 metros e 3,65 metros de alto, feita en aceiro inoxidable. Esta nova ETAP contará con cámara de retención e mestura, cámara de floculación, decantador lamelar, sistema de filtración de dobre etapa (filtración + absorción) e as canalizacións precisas para a súa instalación e conexión co equipo actual. A maiores, contará cun depósito espesador de fangos, 8 bombas dosificadoras, contador electromagnético, 10 válvulas neumáticas e un caudalímetro electromagnético.

Para o seu óptimo funcionamento será preciso tamén renovar os grupos de bombeo de auga bruta e alta, acondicionar os tanques de auga bruta e auga tratada existentes para empregalos como novo depósito de auga tratada e adaptar os equipos existentes á nova instalación. Así mesmo, reformarase o cadro e a rede eléctrica de distribución interior da instalación. O Concello de Frades calcula que para a execución dos traballos será preciso un período de catro meses.