spacer
Frades recibiu 34.000 € para o acabado exterior do pavillón de Abellá e a recuperación da fonte de Mesos

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Frades, Roberto Rey, visitaron o Concello para informar que un total de 9 concellos da área de Santiago se beneficiarán este ano da orde de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos públicos municipais, un programa pioneiro convocado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) no mes de setembro para avanzar na aposta da Xunta polo fermosismo. Nesta comarca repartíronse un total de 154.000 euros.

O Concello de Frades recibiu dúas axudas que suman un total de máis de 34.000 euros para levar a cabo a renovación do acabado exterior das fachadas do pavillón de Abellá e a recuperación da Fonte de Mesos.

En concreto, catro concellos de Santiago recibirán axudas para executar diferentes proxectos de renovación e remate en edificios e outras dependencias que acollen servizos de carácter municipal. Outros catro municipios desta área disporán de fondos para financiar obras de acondicionamento sobre outro tipo de equipamentos públicos —no caso desta comarca, maioritariamente lavadoiros e fontes— e ao de Frades, en concreto, concedéronselle dúas axudas, unha para cada liña de actuación.

O importe da subvención supón o 70% do custo estimado da actuación a executar, cun límite de 25.000 euros se a intervención se centra nun edificio, e de 10.000 euros en caso de que se trate de fontes, lavadoiros públicos, palcos da música ou hórreos.

Todas as entidades locais beneficiarias no marco desta primeira convocatoria de axudas para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos municipais terán que executar os seus proxectos antes do 31 de decembro deste ano.

Ademais, cómpre lembrar que estas subvencións veñen complementar e reforzar a orde de axudas convocada polo IET co mesmo obxectivo o pasado mes de abril pero dirixida, nese caso, a propietarios individuais e comunidades de veciños con proxectos de intervención sobre edificacións particulares.

64 entidades beneficiarias


Unha vez resolta a convocatoria e notificadas as concesións, 64 municipios galegos recibirán unha ou dúas subvencións ao abeiro do programa para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos municipais, cunha dotación total este ano de 800.000 euros. De feito, o IET esgotou o orzamento dispoñible, un dato que reflicte a boa acollida que tivo esta nova orde de axudas entre o municipalismo galego, así como o seu compromiso coa protección da paisaxe en todas as súas formas.

Cómpre subliñar que estas subvencións van dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes co fin de axudalos a emendar o impacto negativo que causan sobre as súas contornas tanto edificios e dependencias que acollen servizos municipais —liña A, dotada con 400.000 euros—, como determinado tipo de equipamentos públicos da súa titularidade —liña B, cun orzamento tamén de 400.000 euros—.

No caso da Coruña, esta provincia concentra o 28,1% do total de municipios beneficiarios, 18 entidades locais entre as que se repartirán un total de 258.058,8 euros.

No seguinte cadro figuran os concellos da comarca de Santiago beneficiarios e a contía das axudas concedidas ao abeiro desta primeira convocatoria:

Frades recibiu 34.000 € para o acabado exterior do pavillón de Abellá e a recuperación da fonte de Mesos