spacer
O Concello de Frades bonifica o 95% do IBI a 200 explotacións agrarias ou gandeiras do municipio

O Concello de Frades aprobou as 158 solicitudes, correspondentes a 200 referencias catastrais, daqueles veciños e veciñas que solicitaron a bonificación do 95% da cota íntegra do Imposto de Ben Inmobles (IBI) por seren inmobles nos que se desenvolven exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. 

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “as 200 referencias bonificadas teñen un valor catastral de 6.891.291,05 euros, polo que tiñan que pagar 22.788,67 euros de IBI. Grazas á bonificación que aprobamos, o Concello de Frades deixará de ingresar 21.649,24 euros, que quedarán nos petos dos nosos gandeiros”. 

Con respecto ao IBI agrario, o Concello de Frades revisou todas as referencias catastrais que cambiaron no Catastro a raíz da aprobación do PXOM para así aprobar de novo a bonificación para esas referencias. Agora corresponderalle á Deputación da Coruña, entidade na que o Concello de Frades ten delegada a recadación de taxas e impostos, aprobar formalmente as bonificacións.