A XXIII Festa dos Nosos Maiores do Concello de Frades terá lugar o sábado 28 de maio
O Concello de Frades abre o prazo de inscrición na XXIII Festa dos Nosos Maiores, que terá lugar o vindeiro sábado 28 de maio na carballeira de San Nicolao e que contará coa presenza do alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, da corporación municipal e dun representante da Xunta de Galicia, aínda por confirmar. Unha festa á que están convidados todos os veciños e veciñas de máis de 60 anos e que estean empadroados en Frades, así como as súas parellas, que deberán anotarse nos Servizos Sociais do Concello (981 695 567) antes do luns 23 de maio.
O Concello porá a disposición da veciñanza un servizo de autobús, cuxa utilización deberá ser comunicada no momento da inscrición. En caso contrario, entenderase que as persoas asistentes utilizarán o transporte particular.
O programa da XXIII Festa dos Nosos Maiores comezará ás 13:00 horas cunha misa, que dará paso a unha actuación musical do Dúo Eva e Camilo. O xantar terá lugar ás 14:30 horas. A partir das 16:30 horas haberá actuacións musicais a cargo do Dúo Eva e Camilo e de grupos folclóricos locais, así como xogos populares fóra da carpa. Ás 18:00 horas terá lugar a tradicional homenaxe ás persoas asistentes maiores de 90 anos.