spacer
A Xunta e o Concello de Frades investirán máis de 156.000 € en humanizar a contorna dos núcleos de Papucín e Fonte Santaia

A Xunta e o Concello de Frades investirán algo máis de 156.000 euros na execución das obras de humanización dos núcleos de Papucín e Fonte Santaia. Con este obxectivo, a intervención centrarase nas vías que conducen aos centros de ambas parroquias do municipio, onde se habilitarán sendas peonís, se introducirán canalizacións para a auga e o alumeado público, e se colocará unha estrutura para cubrir os contedores de lixo.

Este foi o compromiso que acaban de asumir a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Roberto Rey, a través da sinatura dun convenio no que fixaron os termos da súa colaboración técnica e económica para levar a cabo esta obra. O ámbito de intervención, cunha superficie de 1.406 m2, correspóndese cos viarios existentes no lugar da Igrexa, na parroquia de Papucín, e coa zona comprendida entre Fonte Santaia, As Corredoiras e A Igrexa, na parroquia de Moar.

En canto aos traballos, cun prazo de execución de 6 meses, a actuación principal consistirá na creación de itinerarios para peóns cunha largura de 1,8 metros, aínda que no caso de Papucín (onde as dimensións da vía non o permiten) optarase por habilitar unha cuneta transitable. Así mesmo, en Fonte Santaia crearase unha zona de convivencia entre tráfico rodado e peonil empregando o mesmo pavimento que nos sendeiros: formigón en cor natural de 15 centímetros de espesor, armado con malla sobre saburra.

O acordo enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo mediante acordos nos que se regulan as bases da colaboración técnica e económica entre Administración local e autonómica.

No caso de Frades, o compromiso de financiamento das obras ascende a 156.567,17 euros, dos cales o 70% será achegado polo departamento galego e o 30% restante polo Goberno municipal. Ademais, a Consellería asumirá a contratación da execución e da dirección das obras, a xestión das mesmas ata que se completen os traballos conforme ao previsto, e a formalización dos actos de recepción. Pola súa banda, o Concello encargarase da redacción do proxecto no que se definan as actuacións a executar, e unha vez recepcionadas, da súa explotación, mantemento e conservación.

Plan Hurbe desde o ano 2010

Cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego nos últimos 12 anos por brindar o seu apoio ás entidades locais a través do plan Hurbe na promoción de actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

Grazas a esta iniciativa, no período entre 2010 e 2021 a Xunta colaborou xa no financiamento de máis de 360 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, cun investimento global que supera os 155 millóns de euros. Esta liña de cooperación manterase tamén en 2022, cun orzamento de 7 millóns de euros reservados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.