spacer
Trenor clausura o obradoiro dual Brañas do Illó-Río Samo IV e o da Mancomunidade de Ordes para menores de 30 anos

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, claudurou esta mañá  dous obradoiros de emprego: o Brañas do Illó-Río Samo IV (promovido polos Concellos de Frades, Mesía e Ordes) e o específico para menores de 30 anos da Mancomunidade de Ordes. Estes programas contaron cun apoio da Xunta de 715.000 euros, financiados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Un acto ao que asistiron os alcaldes de Frades, Roberto Rey; Ordes, José Luis Martínez; e Mesía, Mariano Iglesias, que felicitaron aos 20 alumnos e alumnas que remataron a súa formación en Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e en Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas. O representante do Goberno autonómico destacou o compromiso dos concellos de Ordes, Frades e Mesía coa empregabilidade xa que levan anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afrontan.  De feito, os tres concellos xa teñen concedido unha quinta edición deste obradoiro para o próximo ano.

Polo que atinxe ao taller de formación específico para menores de 30 anos promovido pola Mancomunidade de Ordes, formou a 16 persoas desempregadas en Fábricas de Albanelería e Traballos en Carpintería e Moble. Trenor explicou a gran utilidade deste tipo de formación porque, ademáis de mellorar as capacidades para que os desempregados atopen un emprego, complementase con traballos nos concellos e con prácticas nas empresas da contorna.

O delegado da Xunta apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.

Trenor destacou que na comarca de Santiago  estanse a desenvolver 10 obradoiros de emprego, para os que a Xunta reserva 3,5  millóns de euros para mellorar a formación de 184 desempregados. Concretamente, en Santiago de Compostela impartiuse o taller de emprego de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e de confección e publicación de páxinas web e en Ames, compartido con Brión, formáronse aos alumnos en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas.

Entre outras accións máis importantes da Xunta, que tamén se desenvolven na contorna desta comarca, destacan as Accións Formativas para Desempregados (AFD), que este ano contan con 79 cursos nesta área e cun investimento de máis de 2,8 millóns de euros para formar a 1.185 alumnos e os  sete PIE, (Programas Integrados de Emprego) nos que se están a formar a 700 persoas desempregadas cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros.

 Neste senso, Trenor lembrou que en total a Xunta está a investir na comarca de Santiago 7,4 millóns de euros, en 96 programas de formación para axudar a máis de 2.000 desempregados da comarca para facilitarlles a búsqueda dun traballo cando rematen o seu período formativo e as súas prácticas en empresas.

Trenor clausura o obradoiro dual Brañas do Illó-Río Samo IV e o da Mancomunidade de Ordes para menores de 30 anos