spacer
Seis locais participarán na terceira edición do concurso de tapas de Frades, que terá lugar o sábado 3 e o domingo 4 de decembro

A terceira edición do concurso de tapas do Concello de Frades, que terá lugar este sábado 3 e o domingo 4 de decembro, contará coa participación de seis locais hostaleiros: café-bar O noso mesón, adega A Coviña, bar Vilariño e taberna “O Mesón” (Ponte Carreira), hostal-restaurante O Cadaval (Ledoira) e Casa Vella (Abellá). Durante esa fin de semana, estes locais ofrecerán de xeito gratuíto á súa clientela unha tapa con cada consumición.

As tapas a concurso este ano son: Garavanzos con mexillóns e lagostinos, Espetada de mar e tortilla á verdurana, Compango de raxo, Empanada de zamburiñas, Cogomelos e Magosto crocante. Os horarios para degustar as tapas serán de 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 22:30 horas (sábado 3) e de 12:00 a 15:00 horas (domingo 4). Con cada consumición, a clientela recibirá un pasaporte de votación, que deberá selar en cando menos 5 dos locais para que o seu voto sexa considerado válido.

A clientela que tome parte nesta terceira edición do concurso de tapas de Frades, que deberán ser maiores de 16 anos, participarán no sorteo de dous premios: unha cea para dúas persoas nun restaurante do municipio e un circuíto termal, tamén para dúas persoas. As persoas gañadoras serán informadas por teléfono. Pola súa banda, os locais participantes competirán por un primeiro premio de 300 euros e unha placa conmemorativa; así como por un segundo premio de 150 euros.

As dúas primeiras edicións deste concurso foron gañadas por Raxería Al Alba, que este ano non tomará parte no certame ao atoparse en obras, seguido en ambas as ocasións polo bar Vilariño. A iniciativa foi todo un éxito nestas dúas primeiras edicións, nas que se degustaron máis de mil e dúas mil tapas, respectivamente.