Museo da Cultura e Tradición de Frades
Este proxecto
Os proxectos "A Herdanza do Pasado" e o "Centro de Cultura Tradicional do Concello de Frades" comezan a súa andaina tomando como base a colección de Apeiros de Labranza que conservaba o Concello de Frades. No outono do ano 2022 iniciouse un proxecto para recuperar esa colección e incorporar novas pezas para configurar diferentes seccións que abarcan aspectos máis amplos que o puramente etnográfico. No mes de marzo do ano 2023 realizouse por primeira vez unha xornada de portas abertas para dar a coñecer os proxectos; paralelamente foi visitado por escolares, actividade que serviu como experiencia para a toma de contacto do espazo co público.
O proxecto "A Herdanza do Pasado" desenvólvese nunha entidade pública de carácter local e de titularidade municipal, que ten como obxectivo xeral recuperar, protexer, conservar e divulgar o patrimonio material e inmaterial do Concello de Frades.
Nel exponse a Colección de Apeiros de Labranza do Concello de Frades e a colección de Arqueoloxía, Historia e Etnografía propiedade da Asociación Cultural "Obradoiro da Historia" de Ordes e do seu responsable, Manuel Pazos Gómez.
Outra das tarefas do centro é a recompilación de fotografías históricas, fieis documentos do devir histórico de Frades.
Propósito do centro
A Herdanza do Pasado pretende mostrar como foi e como é a vida dos nosos antepasados, a súa forma de vivir, producir e consumir. O coñecemento das tradicións locais, os seus costumes e a forma de vida quedan recollidos para a súa análise, comprensión e difusión.
Así mesmo, este espazo quere ser un centro de diálogo permanente co pasado; o legado material e inmaterial é unha mostra da evolución da nosa identidade como concello e como pobo.
Ao ser o Concello de Frades un municipio rural, de tradición gandeira, os traballos no campo marcaron a base socioeconómica, polo que unha parte importante do espazo museístico dedícase a mostrar a economía autosuficiente das casas labregas e os aparellos que se empregaban para desenvolver esa actividade, sexan apeiros de labranza, máquinas oficios... A vida cotiá desenvolvíase arredor da casa, da lareira, do fogar constituíndo un micromundo cunha economía, na maioría dos casos, de subsistencia.
Visitas
O museo, emprazado en Cimadevila s/n (15686 Frades. A Coruña), pódese visitar de xeito individual ou por grupos concertando sempre cita telefónica previa nos teléfonos:
- 981 695 567
- 680 824 910
Entrada de balde.