O termo municipal de Frades atopa a súa localización xeográfica na latitude 43º 02’ Norte e lonxitude 8º 14’ Oeste, situándose na zona centro da provincia de A Coruña, lindando ó norte con Mesía, ó leste con Mesía e Boimorto, ó sur con Oroso e O Pino, e ó oeste con Ordes e Oroso.

Frades ten unha altitude media de 400 metros sobre o nivel do mar, o relevo das terras de Frades caracterízase por unha suave ondulación de altozanos, sen grandes contrastes, cunha lixeira inclinación cara o sudoeste. O río Tambre, no seu curso alto, sérvelle de límite meridional, así coma o seu afluente, o Samo, fai de fronteira con Ordes.

As altitudes oscilan entre os 420 metros no norte, no límite con Mesía, e os 280 metros no curso do Tambre, que discorre polo sur. Esta suavidade topográfica da paisaxe débese á natureza do rochedo: os xistos metamórficos precámbricos coñecidos como “xistos de Ordes” que, pola súa textura fina, son facilmente atacables pola alteración química e dan lugar a un modelado de pendentes suaves e amplos vales. Só algún afloramento de seixo, como o monte Pedrouzo, na parroquia de Abellá, dá lugar a formas máis abruptas.

A rede hidrográfica, que discorre por este ondulado territorio, está organizada en torno ó río Tambre, que entra no concello polo leste e establece o límite natural cos concellos de Boimorto, Arzúa e O Pino. Con dirección case perpendicular ó río principal, surcan varios dos afluentes da súa marxe dereita: os ríos Maruzo e Samo son os máis importantes, ós que hai que engadir, debido á abundancia de precipitacións, numerosos regatos de certa entidade, coma o Gaiteiro e o Mostás, que desaugan no río Maruzo, e os de Pío e O Porto, que o fan directamente ó río Tambre.

O clima caracterízase pola abundancia de precipitacións e a suavidade das temperaturas. A media anual é de 12ºC, a mínima prodúcese en xaneiro (7ºC), e a máxima en agosto (17ºC). As características termopluviométricas e a abundancia de pequenos regatos, que percorren o termo, favorecen o predominio das terras destinadas a cultivos herbáceos. Destacan as terras labradas e as dedicadas a pastos permanentes fronte a unha menor porcentaxe de espacios forestais nos que predomina o eucalipto, e a matogueira, unha bela paisaxe de praderías moi verdes, extensas e onduladas.

O concello de Frades ten unha extensión de 81,5 km², o que dista dabondo da media de Galicia, que se sitúa en torno ós 94km², e unha poboación de 2.732 habitantes, segundo o censo de 2008, agrupados en 12 parroquias, con 148 entidades de poboación en total. Segundo o censo, a outubro do 2019, a poboación fradense diminúe ata os 2.427 habitantes, aínda que seguen agrupados en 12 parroquias, e súmánse tres entidades poboacionais ás xa recoñecidas, sendo na actualidade 151 entidades. O elevado número de entidades, unido á baixa densidade de poboación, dan como resultado unha paisaxe rural constituída por pequenas aldeas repartidas homoxeneamente sobre o territorio, no que non existe un núcleo urbano reitor, sendo a aglomeración urbana máis importante o núcleo de Ponte Carreira.

No 2019, as entidades de poboación do termo municipal, 151 en total, distribúense ó longo de 12 parroquias: Abellá (Santo Estevo), Aiazo (San Pedro), Añá (Santa María), Céltigos (San Xulián), Frades (San Martiño), Gafoi (Santa Mariña), Galegos (San Martiño), Ledoira (San Martiño), Mesos (San Salvador), Moar (Santa Eulalia), Papucín (Santa María) e Vitre (San Xoán).

A capital municipal é San Mauro, na parroquia de Frades, inda que a Casa Consistorial localízase no núcleo de Cimadevila, da mesma parroquia, a carón dunha fermosa carballeira. San Mauro dista 38 km de Santiago pola estrada N-634, que pasa por Ponte Carreira, e uns 52 km da capital provincial.

A grande maioría do territorio do municipio de Frades atópase dedicado a plantacións forestais onde se distinguen preferentemente as especies de pino, eucalipto, aliso e carballo, así como asociacións de coníferas e outras frondosas, e podéndose diferenciar dous tipos: arborado e desarborado. A minoría restante do territorio dedicase ós cultivos. A terra de cultivo destínase na súa maior parte a pastizais e prados, que ocupan grandes extensións, localizadas nas parroquias de Abellá, Papucín, Vitre, Céltigos, Añá, Frades e Moar; o resto produce millo para forraxe e unha moi pequena parte está dedicada á horta.

Como servicios consta de Centro Médico (en A Ponte Carreira e Abellá), colexio Público, tanto de Educación Primaria como de Educación Secundaria, así como dúas Casas Niño, situadas na parroquia de Galegos e Abellá, farmacias, caixa de aforros e banco, droguería, supermercados, empresas de materiais de construcción e ferretería, numerosos bares e cafeterías, albeitería, talleres de maquinaria, etc. Para visitar destacan as súas zonas verdes e áreas recreativas, situadas en entornos naturais, así como a súa arquitectura, principalmente no que respecta ás igrexas, cruceiros e capelas.

Todos estes valores son os que condicionaron a súa clasificación, sendo máis acertada a súa inclusión dentro da protección paisaxística que dentro da protección de espacio natural. 

Por último cabería destacar as ribeiras de varios ríos, que no seu discorrer forman en ocasións profundos vales onde existe vexetación típica de ribeira e abondo tupida. Dentro deste apartado poderíamos definir unha pequena parte do territorio municipal de Frades, concretamente o seu extremo sur, 7,5km do curso do río Tambre, integrado nunha das zonas incluídas na Rede Natura, segundo a Orde de 9 de xuño de 2003 (DOG. Nº 115), chamada ZEPVN-ZEC río Tambre, de código ES1110016, dunha extensión total de 151,70ha.

Os asentamentos de poboación repártense dunha forma uniforme, cadrando principalmente coas zonas máis chas do concello, sendo as máis despoboadas aquelas máis accidentadas.

A tipoloxía dos asentamentos predominante no municipio é a aldea pechada, con casarío espallado, en moitos casos formando varios grupos de edificacións abondo distanciados entre si. A distribución das edificacións sitúase xeralmente entre os límites dos terreos de cultivo e o monte.

A maioría dos lugares conta con agrupacións moi pequenas, de entre 10 e 25 edificacións, de carácter netamente rural, na súa maioría de tipoloxía illada e, en raras ocasións, unidas en medianeiras en torno a un camiño.

 

 

DIRECCIÓN: CASA DO CONCELLO. CIMADEVILA S/N 15686 FRADES (A CORUÑA)

TELÉFONO: 981 695 567

FAX: 981 695 579

CORREO ELECTRÓNICO: correo@frades.gal

FACEBOOK: https://es-es.facebook.com/concellodefrades/