DEMOGRAFÍA

DEMOGRAFÍA COMARCAL

A poboación de feito da comarca de Ordes, entendendo por esta a agregación aos concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, representa no ano 2008 o 1,38% da poboación galega e o 3,38% da poboación da provincia de A Coruña.

O peso relativo desta área en Galicia mantense abondo estable ata 2008. Non ocorre o mesmo en relación coa poboación provincial ata esa data, xa que a participación da bisbarra dentro desta ven diminuíndo desde 1900, ano no que supuña o 4,61% (1,52% con respecto á provincia de A Coruña). Esta perda de peso relativo, moderada en todo caso, debe de ser valorada atendendo ó carácter eminente rural dela, no senso de que non indica forzosamente unha situación de especial regresividade demográfica en relación con outras bisbarras rurais galegas, e mesmo da provincia de A Coruña.

A poboación de feito da comarca no ano 2008 era de 38.608 habitantes. En 1900 dita poboación era de 30.167 habitantes, o que supón que nos cento sete anos que separan estas dúas datas a bisbarra gañou 8.441 habitantes. Durante eses anos a poboación comarcal medrou á baixa na taxa anual acumulativa (0,50%), moi próxima á provincial (0,63%), e mesmo superior á galega, que se sitúa no 0,41%.

A evolución da poboación comarcal pasou polas seguintes etapas desde principios de século:

1900-1920

É unha etapa de estancamento demográfico. As cifras de poboación mantéñense estables, o que indica que a migración prodúcese nunha cifra próxima á do crecemento vexetativo. É dicir, emigra, en termos netos, un mínimo de persoas igual á diferenza entre nacementos e defuncións producidos na bisbarra durante eses vinte anos.
Esta etapa cadra cunha situación de fortes movementos de emigración en Galicia, que se dirixen fundamentalmente a Arxentina, Uruguai, Brasil, Cuba, etc. países que se ven faltos de forza de traballo para explotar uns recursos naturais, imprescindibles para sustentar o forte pulo económico que se estaba a producir daquela en Europa (antes da Primeira Guerra Mundial). Da magnitude do éxodo nesta etapa da idea o feito de que o número total de emigrantes supuxo o 15,3% da poboación coa que contaba Galicia en 1900.

1920-1930

Esta etapa caracterízase por un certo estancamento demográfico comarcal, se ben non chegaría sequera para cubrir o crecemento vexetativo desta década, polo que, seguiríase producindo emigración, aínda que a un nivel moi por debaixo do da etapa anterior.

1930-1940

Na década dos anos 30 déixanse sentir en Galicia as consecuencias da grande crise económica de 1929 que sufriu todo o mundo occidental, provocando unha forte recesión na demanda de forza de traballo no mercado internacional, fundamentalmente en América, destino da inmensa maioría da emigración galega. Como consecuencia, desapareceu a emigración galega e mesmo produciuse un retorno neto dunhas 65.000 persoas. Esta situación atopa o seu reflexo na comarca de Ordes. A poboación comarcal experimenta un crecemento de 6.406 persoas durante esta década, a maior de todo o que vai de século. 

1940-1970

Neste período Galicia asiste a un proceso de regresión demográfica dunha dimensión sen precedentes na súa historia recente. Por vez primeira, Galicia perde poboación en termos absolutos. Durante os decenios de 1950 e 1960, un volume de poboación superior a todo o crecemento vexetativo experimentado durante estes anos abandona o país. En total, o número de emigrantes no período 1940-1970 achégase ós seiscentos mil para toda Galicia, o que significa que un de cada catro galegos optou pola emigración.
Durante a primeira década desta etapa a emigración galega diríxese fundamentalmente ó resto de España. Rematada a Segunda Guerra Mundial, asístese a un relanzamento da emigración transoceánica que prolóngase durante a década dos 50, e combínase coa dirixida a Europa e ó resto de España. A partir de 1960 e ata entrados os anos 70, a emigración orientase fundamentalmente a Europa. Como consecuencia da crise económica internacional de 1973, vese freada a emigración, chegando a desaparecer totalmente a mediados da década dos 70.
O panorama demográfico da nosa área correspóndese a grandes trazos coa situación descrita para toda Galicia, se ben resulta ser considerablemente menos regresiva tendo en conta o seu carácter rural.
Entre 1940 e 1970 a bisbarra perde por emigración un volume de poboación de dimensión aproximada ó crecemento vexetativo producido nestes 30 anos, de modo tal que o número de habitantes da bisbarra mantense estancado, con lixeiros aumentos. Así o evidencian as taxas de crecemento acumulativas da poboación comarcal, que se manteñen ó longo de todo o período en valores moi baixos.

1970-1981

Esta etapa comezaría en realidade en 1973, ano no que se inicia a crise económica mundial. A partir deste ano comeza a decaer a emigración galega ó estranxeiro e, posteriormente a dirixida a España, ata desaparecer totalmente nos últimos anos da década dos setenta. 
A situación da nosa área comarcal, aínda gardando un certo paralelismo coa galega, ten perfís propios derivados do seu carácter marcadamente rural. De entrada, o saldo migratorio segue sendo negativo, se ben o seu volume estimado, tanto en termos absolutos como relativos, é o menor de todo o século, exceptuando a década dos 30. Isto é, prodúcese emigración, pero a niveis significativamente inferiores ós doutras épocas.

1981-2007

A capitalidade autonómica de Santiago, outorgada en 1982, supuxo unha revolución no que atinxe á poboación, xa que a creación dos organismos oficiais da autonomía supuxo un grande crecemento na súa poboación, e de igual modo nos concellos do seu entorno, en concreto Ordes e Oroso, co núcleo dormitorio de Sigüeiro. No caso de Ordes, a súa poboación aumentou en 1.269 persoas en vinte anos, e no caso de Oroso, aumentou en 2.942 persoas o número de habitantes que tiña no ano 1981. Pola contra, os concellos de Frades, Mesía e Cerceda reduciron a súa poboación lixeiramente na década dos 80, debido ó mesmo fenómeno da capitalidade, pero que tivo nestes concellos un efecto contrario de emigración á cidade de Santiago, efecto que se estancou a partires dos anos 90 e ata a actualidade, tempo no que o fenómeno da capitalidade chega tamén a estes concellos.

DEMOGRAFÍA MUNICIPAL

Segundo as proxeccións de habitantes, a poboación de Frades mantivo un número máis ou menos constante desde 1900, data que tomaremos como referencia e que nos vai permitir crear unha comparativa na súa evolución.

Ano Habitantes Índice
1900 3.328 100,00%
1910 3.468 104,21%
1920 3.712 111,54%
1930 3.766 114,71%
1940 4.206 126,38%
1950 4.624 138,94%
1960 4.601 138,25%
1970 4.167 125,21%
1981 3.649 109,64%
1991 3.291 98,88%
2001 3.055 91,80%
2008 2.732 82,10%
2019 2.427 72,93%

O descenso de poboación producido desde mediados dos anos 60 debeuse fundamentalmente a un troco de residencia aos municipios de Ordes e de Santiago, que supuxo unha certa ruptura do contacto socioeconómico co lugar de orixe; por esta razón, a construción de vivendas, que descendeu nas últimas décadas do século anterior, está a rebaixar o nivel de descenso nestes últimos anos.
O saldo migratorio que experimentaba nos primeiros anos tiña valores positivos e permitía ser optimistas, pero é a partir de 1970 cando se produce o efecto contrario e o saldo de entradas e saídas é negativo, ata chegar á situación actual. 
En canto ó parque de vivendas se refire, a influencia de Santiago non se deixou notar tanto como noutros municipios máis pretos (Teo, Ames....) pero é previsible que nos próximos anos a demanda de residencia aumente pola mellora dos accesos a Santiago, e contribuirá a mellorar indirectamente a accesibilidade desde o municipio de Frades a distintos lugares e servicios dentro da súa comarca.

Na actualidade, e a nivel municipal, a demografía presenta unha tendencia ao estancamento, con taxas de natalidade moi baixas e de mortalidade elevadas, negativas en definitiva, e en continuo descenso dende hai anos, cunha pirámide de idades cunha base estreita –poucos efectivos novos- e un predominio das idades adultas e vellas, o que leva inexorablemente a un envellecemento da poboación. A idade media dos habitantes de Frades é de 47,8 anos (46,5 nos homes e 49,1 nas mulleres), o que pode considerarse elevado. Baste ver que o índice de envellecemento é de 211,4, o que significa que o remprazo xeracional non existe.

O municipio de Frades conta, segundo o censo de 1998 cunha poboación de 3.096 habitantes, en 2008 cunha poboación de 2.732 habitantes, no 2015 cunha poboación de 2.460 habitantes e no 2019 cunha poboación de 2.427 habitantes o que implica un descenso importante nos últimos anos.

Da análise da evolución da poboación dos núcleos durante os últimos anos (período 2000-2008) despréndese que dos 73 computables a nivel de censos de poboación no municipio de Frades, 52 teñen o carácter de regresivos ou fortemente regresivos; é dicir, perden poboación en termos absolutos. Só 4 núcleos son progresivos ou fortemente progresivos, o que indica incrementos de poboación por encima do 10%. Os 17 restantes permanecen estacionarios con aumentos inferiores ó 10%.

No que respecta ás parroquias, obsérvase que tódalas parroquias experimentaron un descenso en relación á poboación de 2000, mentres que en ningunha parroquia a tendencia é estacionaria, progresiva ou fortemente progresiva. 

PROBLEMAS DERIVADOS DA DEMOGRAFÍA MUNICIPAL

O problema demográfico máis importante a contemplar, aparte do xeral do país, relativo ó envellecemento da poboación, cun crecemento vexetativo moi baixo, é atender ó saldo migratorio do termo municipal e a unha poboación descontinua, e contar con valores ambientais e naturais notables. Este feito pódese constatar de maneira palpable comparando o crecemento da poboación e do parque de novas vivendas sendo, neste caso, proporcionalmente maior o número das segundas en relación ó primeiro.
Non obstante, hai que sinalar que a distribución da poboación no ámbito do termo municipal é moi desigual. O grande crecemento experimentado, asentouse fundamentalmente nos núcleos rurais situados entre a metade sur do municipio, polas súas boas comunicacións coas estradas N-634, DP-3801 e DP-3802, mentres que nos núcleos da metade norte prodúcese certo estancamento.

 

DEMOGRAFÍA FRADES POR PARROQUIAS (DATOS OUTUBRO 2019)

PARROQUIA Nº Habitantes (outubro 2019)
ABELLÁ                                            447
AÑÁ                                            146
AIAZO                                            153
CÉLTIGOS                                            113
FRADES                                            114
GAFOI                                            282
GALEGOS                                            223
LEDOIRA                                            151
MESOS                                              79
MOAR                                            276
PAPUCÍN                                            286
VITRE                                            157
          TOTAL                                         2.427

 

ACTIVIDADE ECONÓMICA

Os factores económicos atópanse determinados pola influencia comarcal, permitindo un axuste racional da man de obra nas explotacións agropecuarias, ó posibilitar un sistema de traballo a tempo parcial, compatible con outros noutros concellos da comarca. Isto, unido ó feito de que a concentración parcelaria estendeuse por todo o territorio, sendo Frades un dos poucos municipios de Galicia nos que o 100% dos terreos están redistribuídos e entregados para a súa explotación (hoxe o número de parcelas é a terceira parte das existentes hai vinte anos), e que permitiu unha boa organización interna das explotacións gandeiras. En canto ó uso do solo, o municipio está especializado en pastos e cultivos forraxeiros. Destaca a existencia de dúas cooperativas agrarias.
Non obstante, nos últimos anos o número de explotacións gandeiras reduciuse moderadamente, non así o número de cabezas de gando, pasando das 389 explotacións e 11.389 bovinos en 2002, ás 328 explotacións e 11.582 vacas no ano 2007, ainda que no 2018, o número de explotacións rexistradas ascendeu a 393, con 11711 unidades gandeiras.

INFORMACIÓN ECONÓMICA

Nunha análise histórica constátase a redución da ocupación na agricultura. O 54,08% dedicábase a ela en 1991, reducíndose ó 35,75% en 2001. A taxa actual reduciuse froito da diversificación noutros sectores.
O sector que máis se favoreceu desta diversificación foron os servicios. Ocupaban ó 21,23% en 1991, ascendendo ó 29,47% en tan só dez anos. A súa taxa de ocupación actual sitúan ó sector como a segunda rama principal de ocupación, por debaixo da agricultura.
En canto ós outros sectores, a construción diminuíu desde o 14,23% en 1991 ó 13,95% dez anos despois. A industria experimentou un grande ascenso da súa ocupación, sobre todo o que atinxe á industria manufactureira, pasando do 9,60% no 1991 ó 20,16% de 2001, debido ó empuxe das empresas do sector téxtil, e de extracción de áridos.

No ano 2018, dispoñemos de datos empresariais respecto ó sector servicios, onde Frades conta nesas datas con 134 empresas distribuidas da seguinte maneira: 14 empresas de industria, 31 empresas de construción, 55 empresas de comercio, transporte e hostalaría e 34 empresas de servicios.

Os cultivos principais que se realizan no concello de Frades, do mesmo xeito que no resto da comarca, son os cereais e os tubérculos.

PROBLEMAS DERIVADOS DA ACTIVIDADE ECONÓMICA

O municipio presenta unha segmentación clara en canto á súa actividade económica: por un lado, existen zonas con clara vocación agrícola, gandeira e forestal, modernizadas e cunha produción e extensión considerable, entre as que se sitúa unha extensa rede de núcleos rurais vinculados ó aproveitamento destes recursos, e espallados por todo o termo municipal; por outro lado, atopámonos con unha zona de vocación urbana e industrial, destinada tanto a residencia como a industria (entorno de Ponte Carreira). Esta especialización observada no termo municipal, debe servir de guía para a correcta distribución de actividades no territorio, de forma que a creación de solo industrial e residencial de vocación urbana non invada as zonas de actividade agraria, e á vez, se libere do uso industrial a maior parte posible do solo rústico, posto que na actualidade existen enclaves de localización de actividades non relacionadas co aproveitamento dos recursos existentes na zona.

Por outro lado, e aínda que non se detectasen ata a actualidade conflitos co medio agrícola derivados do ámbito do solo urbano, é necesaria unha delimitación da área urbana e os seus crecementos controlados por bolsas homoxéneas, que preserve de forma clara o área rural e o entorno agrícola, e posibilite o correcto desenvolvemento da actividade primaria.

A mellora das vías de comunicación, tanto locais como supramunicipais, considérase fundamental para lograr os obxectivos plantexados. 

 

BREVE HISTORIA DE FRADES

Este Concello foi constituído en virtude do Decreto do luns 26 de decembro de 1836 (B.O. núm. 221 da provincia da Coruña). Na sesión plenaria do 24 de xullo de 1991 a Corporación aprobou o escudo municipal.

Tradicionalmente foi unha importante vía de paso entre Santiago de Compostela e Sobrado dos Monxes, o cal queda reflectido na súa historia, a través dunha vía romana que existiu nesa época, ou unha inscripción de 1690 que se conserva no Pazo de Galegos e que narra que aquí pasaron a noite dona Mariana de Neoburgo e o seu irmán. Carlos III, o seu home, en agradecemento concedeu aos seus propietarios o "dereito de cadea" (dereito de asilo para os que, perseguidos pola lei, buscaban refuxio).

Na parroquia de Moar existiu unha posada, no lugar de Castiñeiro Redondo (na zona pertencente ao Concello de Oroso). Esa casa, hoxe xa desaparecida, pertencía á familia Mandayo Rey, e as súas terras lindaban coas dos Linares Rivas, donos do Pazo de Galegos. A mencionada familia estaba ligada á de Ares García, coñecidos polo de "O Fidalgo", no lugar de Queirís, onde se pensa que existiu un pazo.

Frades pertenceu, no Antigo Réxime, á provincia de Santiago, e dividíase en dúas xurisdiccións: a de Mesía e a de Folgoso, esta última baixo a tutela do Conde de Altamira.

Respecto aos seus monumentos e outros lugares de interés, podemos destacar algúns:

- O Pazo de San Martiño de Galegos, no que no ano 1690 pernoctou Doña Mariana de Neoburgo e o seu irmán, cando viaxaban de Compostela á corte.

- A Ermita no monte de San Nicolás

- A Ermita de San Roque, en Moar

- A igrexa de Santa Mariña de Gafoi

- A igrexa de San Xulián, en Céltigos