Adega A Coviña gaña a terceira edición do concurso de tapas de Frades coas súas tapas “Polbo con cogomelos” e “Espetada A Coviña”
Adega A Coviña, con “Espetada A Coviña” e o seu “Polbo con cogomelos”, foi o gañador da terceira edición do concurso de tapas de Frades, que tivo lugar a pasada fin de semana. Unha iniciativa que repetiu o éxito de anos anteriores, xa que se degustaron máis dun milleiro de tapas en tan só dous días nos seis locais participantes.
O concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, amosouse moi satisfeito co desenvolvemento do concurso xa que “durante a fin de semana houbo unha grande afluencia de xente nos bares participantes e, tendo en conta as papeletas cubertas para o concurso, podemos concluír que se chegaron a regalar máis dun milleiro de tapas en tan só dous días”. Ferreiro Marzoa agradeceu o traballo realizado polos seis locais participantes no concurso e a colaboración da agrupación Sarillo, que percorreu os distintos establecementos, xa que “este tipo de iniciativas son moi importantes para a promoción de Frades, que é unha das prioridades deste equipo de Goberno”.
Premiados
Adega A Coviña recolle o testemuño de Raxería Al Alba, gañador das dúas primeiras edicións, e recibirá un premio de 300 euros e unha placa conmemorativa, que lle serán entregados nos próximos días polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez. Bar Vilariño, co seu “Montadiño de raxo”, repetiu no segundo posto por terceiro ano consecutivo, polo que levará un premio de 150 euros e unha placa conmemorativa.
Ademais do reconto, o Concello de Frades realizou esta mañá o sorteo dos premios entre os máis de 200 clientes que tomaron parte no concurso. Un sorteo no que resultaron premiados Álex López Valiño (Frades), que gañou unha cea para dúas persoas no restaurante Casa Vella; e Sandra Gómez Silva (O Pino), que levou un circuíto termal para dúas persoas no Hotel Balneario Compostela (Brión).
A terceira edición do concurso de tapas do Concello de Frades contou coa participación de seis locais hostaleiros: café-bar O noso mesón, Adega A Coviña, Bar Vilariño e Taberna “O Mesón” (Ponte Carreira), hostal-restaurante O Cadaval (Ledoira) e Casa Vella (Abellá).