spacer
 Ovidio Rodeiro visita aos alumnos do obradoiro de emprego, que formará a 20 alumnos en repoboacións forestais e en conservación e mellora de montes

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá, acompañado polos alcaldes de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, de Frades, Roberto Rey e de Mesía, Mariano Iglesias, aos alumnos do obradoiro de emprego de Ordes, compartido con Frades e Mesía, que oferta 20 prazas para formar aos alumnos en Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas e en Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes. Este obradoiro de emprego conta cun orzamento de 336.000 euros.

Os participantes neste taller de formación e emprego dual poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.

Concretamente o taller contempla actuacións de conservación e mellora en áreas recreativas, prazas, roteiros, campos de fútbol e espazos públicos municipais dos tres concellos participantes.

Ovidio Rodeiro destacou que “o obxectivo é seguir formando aos desempregados dos concellos galegos para incrementar as súas posibilidades de atopar un emprego, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación das empresas da contorna”.

Na súa intervención lembrou que “na comarca de Santiago finánciase 8 talleres dos cales 5 deles son de carácter ordinario, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 3 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca máis de 2,1 millóns de euros”.

Os obradoiros duais son os de Ordes, compartido con Mesía e Frades; o de Touro, compartido con Boqueixón e Vedra; o de Ames, compartido con Brión; o de Santa Comba, compartido con Negreira, A Baña e Val do Dudra e o de Santiago de Compostela. Pola súa banda, os obradoiros de garantía xuvenil impartiranse en Santiago de Compostela; en Rois compartido con Padrón e Dodro e en Val do Dubra compartido con A Baña, Santa Comba e Negreira.

Estes obradoiros permitirán que un total de 142 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de garantía xuvenil de 6 meses.

Cursos AFD-PIE-Centros Integrados Emprego

O delegado territorial da Xunta tamén lembrou que na área de Santiago impartiranse 59 cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) para formar a 885 alumnos cun investimento que supera os 2,4 millóns de euros. Estes cursos celebraranse na súa maioría no concello de Santiago e 5 estarán organizados polos concellos de Ordes e Santa Comba. Os organizadores ofertarán accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e obra civil, así como competencias clave e dixitais.

Os alumnos e alumnas interesados en acceder a esta formación poderán contactar coa entidade ou o centro para realizar a súa preinscrición no curso da súa elección. Ademais, poderán acceder a un certificado de profesionalidade que lles abrirá novas oportunidades laborais.

Os alumnos que participen nestes cursos tamén teñen dereito, sempre que cumpran uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a alumnos vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2019-2020), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, lógrase unha maior empregabilidade dos alumnos.

Ademais, na comarca de Santiago tamén está aprobado a concesión de 8 Plans Integrados de Emprego, dos cales dous son para os concellos en Ames e Brión. En total, ofertarán 800 prazas e un investimento de 983.000 euros.

O representante do Goberno autonómico tamén informou que “na comarca de Santiago contamos con catro centros integrados de formación propios en Santiago, Ames, Melide e Negreira, nos que se imparten 31 cursos e se forman a 465 desempregados. Este ano investironse nestes cursos 682.265 euros”.

Ovidio Rodeiro finalizou a súa intervención puntualizando que “só con estes tres programas e cos catro centros integrados de emprego a Xunta de Galicia inviste nesta área de Santiago máis de 6,1 millóns de euros, para financiar 106 cursos, para formar a 2.292 desempregados”.

 Ovidio Rodeiro visita aos alumnos do obradoiro de emprego, que formará a 20 alumnos en repoboacións forestais e en conservación e mellora de montes