Os meniños e meniñas de Preescolar na Casa e das dúas casas niño de Frades reciben a visita de Papá Noel
Os nenos e nenas de Preescolar na Casa e das dúas casas niño de Frades, Axóuxere (na parroquia de Galegos) e Xoaniña (na parroquia de Abellá), recibiron o pasado venres a visita de Papá Noel que, acompañado pola súa axudante elfa, lles recolleu as súas cartas e escoitou as súas peticións de agasallos para estas datas. Unhas misivas que intercambiou por lambonadas e diferentes creacións de globoflexia.
Unha visita que, unida á realizada ao nenos e nenas de Infantil e Primaria do CPI Ponte Carreira e á actuación musical de Pakolas, abren a programación especial de Nadal do Concello de Frades, que culminará o vindeiro sábado 4 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis.
Ademais do Campamento Municipal de Nadal, que comeza hoxe luns e que terá lugar durante oito días no multiúsos en horario de 9:30 a 13:30 horas, o programa de Nadal do Concello de Frades inclúe unha saída ao parque de atraccións de Xuvenlugo, que terá lugar o vindeiro venres 27 de decembro. O prezo é de 5 euros para persoas empadroadas e 8 euros para non empadroadas.
Novidade: andaina solidaria
O domingo 29 de decembro terá lugar a gran novidade da programación deste ano: a I Andaina Solidaria para a recollida de xoguetes para Cruz Vermella, que terá lugar a partir das 10:30 horas na praza de Ponte Carreira. Unha iniciativa aberta a toda a veciñanza de Frades e de municipios veciños que desexen colaborar entregando xoguetes, novos ou seminovos en bo estado, que será doados á Cruz Vermella para que todos os nenos e nenas poidan ter un xoguete este Nadal. Todas as persoas que colaboren recibirán un agasallo.
A andaina sairá ás 10:30 horas da Praza de Ponte Carreira ata a capela de Augas Santas, onde se fará un descanso e se iniciará o camiño de volta, ata completar un total de 6,4 km. Ao final do camiño haberá chocolate e rosca para todas as persoas participantes.
Para a chegada do novo ano quedan a tradicional saída á pista de xeo de Área Central e ao cinema no centro comercial As Cancelas. Unha actividade que ten un prezo de 20 euros para persoas empadroadas (cinco máis para non empadroadas), xantar incluído. Inscricións no Concello de Frades antes do 30 de decembro.
Finalmente, o sábado 4 de xaneiro terá lugar unha nova edición da Cabalgata e Festas de Reis do Concello de Frades. Ás 16:00 horas, a comitiva Real desfilará polas rúas de Ponte Carreira ata o pavillón polideportivo onde, a partir das 17:00 horas, terá lugar a Recepción dos Reis e un amplo programa de actividades: inchables, canón de neve, animación, xogos, obradoiros, mascotas, reparto de lambonadas… para rematar con reparto de roscón e chocolate para todas as persoas asistentes. Actividade gratuíta e para a que non é preciso anotarse previamente.