O Concello de Frades celebra unha gran Festa de Nadal, cun espectáculo de monicreques, na que participaron máis de sesenta persoas
Máis de sesenta persoas, entre adultos e crianzas, participaron na gran Festa de Nadal celebrada o pasado luns no multiúsos de Frades. Unha festa que contou coa estrea do espectáculo de monicreques “O Nadal na fraga” a cargo de Títeres Cascanueces e Garabato de Xogos.
Tras o estreo desta obra de monicreques, os corenta nenos e nenas de Frades presentes desfrutaron dunha gran festa con música, xogos e obradoiros de Nadal a cargo de Vagalume ocio e tempo libre. Ademais, recibiron a visita de distintas personaxes como Mickey, Minnie Mouse e Papá Noel, grazas á compañía Duende Sico. A festa incluíu tamén unha merenda de balde para todos os nenos e nenas asistentes.
A programación especial de Nadal do Concello de Frades continúa este domingo 29 de decembro coa primeira edición da Andaina Solidaria para a recollida de xoguetes para Cruz Vermella. Unha iniciativa solidaria que recollerá xoguetes, novos ou seminovos en bo estado (que non deben ser bélicos nin sexistas) que serán entregados á Cruz Vermella para que todos os nenos e nenas poidan ter un xoguete este Nadal. Os xoguetes entregaranse no posto da Cruz Vermella na praza de Ponte Carreira e as persoas que participen recibirán un agasallo a cambio.
A saída terá lugar ás 10:30 horas da praza de Ponte Carreira para percorrer un total de 6,4 km entre a praza e a Capela de Augas Santas, onde se fará un descanso antes de volver a Ponte Carreira. O traxecto é apto para nenos e nenas, polo que dende o Concello de Frades fan un chamamento á participación de toda a veciñanza. Ao final do traxecto terá lugar un reparto gratuíto de chocolate e rosca.