A Comisión Comarcal de Seguimento do COVID-19 vén de confirmarlle ao Concello de Frades a boa evolución dos dous casos positivos diagnosticados no municipio. O primeiro deles afronta a súa derradeira semana de corentena. Continúa sen poder saír do seu domicilio e baixo seguimento médico. O segundo caso, despois de dar negativo nun segundo test, mantense tamén en corentena domiciliaria baixo seguimento médico e á espera dun terceiro test que permita darlle a alta definitiva.

O Concello de Frades celebra a boa evolución de ambas persoas, ás que desexamos unha pronta e total recuperación. Unhas boas novas que fan que insistamos na necesidade de non baixar a garda en ningún momento: queda na casa, sigue as recomendacións das autoridades sanitarias e coida de ti e dos teus. Ánimo que xa queda menos para saír desta todos e todas xuntos.