spacer
Entrega de diplomas ás nove mulleres de Frades que remataron as 200 horas teóricas do curso de monitora de tempo libre

Nove mulleres de Frades veñen de rematar as 200 horas formativas dun curso de monitora de tempo libre organizado polo Concello de Frades e impartido por persoal da Escola Galega de Tempo Libre. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, foi o encargado de entregarlles os diplomas conmemorativos da súa asistencia ao curso, xa que o título oficial que expide a Xunta de Galicia chegará cando se cubran as 150 horas de prácticas, que as alumnas deberán realizar no prazo de 2 anos.

Un feito que salientou Ferreiro Marzoa, quen animou ás presentes a completar a formación recibida coas correspondentes prácticas laborais “para poder así obter un título oficial expedido pola Xunta de Galicia e que vos abrirá novas portas ao mundo laboral”. A entrega de diplomas tivo lugar no multiúsos de Frades, que acolleu as 90 horas de sesións presenciais obrigatorias nos meses de xuño, agosto e setembro. 

Unhas clases presenciais que foron complementadas con 110 horas de formación en liña en materias como lexislación, animación e xogos, animación deportiva, primeiros auxilios, educación ambiental... Para facilitar a formación da mocidade do municipio, o Concello de Frades subvencionou con 50 euros os 250 euros do prezo oficial da matrícula.

Entrega de diplomas ás nove mulleres de Frades que remataron as 200 horas teóricas do curso de monitora de tempo libre