spacer
O Concello de Frades participa nunha sesión sobre a aplicación das novas Directrices da Paisaxe

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou hoxe a unha ducia de concellos da provincia da Coruña a implicarse de forma activa e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entraron en vigor o pasado 20 de febreiro. Así llelo trasladou esta mañá o director do IET a unha representación de rexedores e técnicos dos concellos de Curtis, Aranga, Coirós, Oza-Cesuras, Sobrado, Vilasantar, Mesía, Frades, Boimorto, Toques, Melide e Santiso no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada no edificio de usos múltiples de Teixeiro, en Curtis.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva varias semanas celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel local o contido das Directrices. Neste sentido, Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país en materia paisaxística.

A Xunta considera de gran importancia este tipo de encontros para dar o coñecer o seu alcance, por canto recollen unha serie de normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.

O Concello de Frades participa nunha sesión sobre a aplicación das novas Directrices da Paisaxe