Os “Saquiños recheos” do bar Vilariño gañan a cuarta edición do Concurso de Tapas de Frades
Os “Saquiños recheos” do bar Vilariño foron os grandes gañadores da cuarta edición do concurso de tapas do Concello de Frades, que tivo lugar este sábado 9 e o domingo 10 de decembro en sete locais hostaleiros do municipio. Unha iniciativa que soubo sobrepoñerse ás malas condicións meteorolóxicas, como a súa coincidencia coa cicloxénese “Ana” durante a xornada dominical, xa que se repetiron os resultados do ano pasado: máis dun milleiro de tapas degustadas en dous días nos sete locais participantes.
Despois de tres anos en segunda posición, o bar Vilariño foi a opción máis votada polas 212 persoas que exerceron o seu dereito ao voto, sacándolle 15 votos ao segundo clasificado, a “Filloa rechea” de Adega A Coviña, gañador da anterior edición. O terceiro posto foi para o gañador das dúas primeiras edicións, Raxería Alba, co seu “Secreto de porco celta, castañas de revolta con salsa do chef".
O bar Vilariño recibirá un premio de 300 euros e unha placa conmemorativa; mentres que Adega a Coviña recollerá un premio de 150 euros e unha placa conmemorativa, que lles serán entregados nos próximos días polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.
Sorteo
Ademais do reconto, o Concello de Frades realizou esta mañá o sorteo dos premios entre os 212 clientes que tomaron parte no concurso. Un sorteo no que resultaron premiados Natalia Blanco Souto, que gañou unha cea para dúas persoas nun restaurante de Frades; e Juan José Castro Mosquera, que levou un circuíto termal para dúas persoas no Hotel Balneario Compostela (Brión).
Nesta cuarta edición do Concurso de Tapas do Concello de Frades participaron un total de sete establecementos: Raxería Alba, café-bar O noso mesón, Adega A Coviña, bar Vilariño e Taberna O Mesón (Ponte Carreira), hostal-restaurante O Cadaval (Ledoira) e Casa Vella (Abellá).