Gran participación no Mercado de Artesanía de Ponte Carreira, que abre o programación especial de Nadal en Frades
A segunda edición do Mercado de Artesanía de Frades foi todo un éxito, onde unha ducia de postos de artesáns locais e da comarca ofreceron os máis singulares agasallos e adornos para este Nadal. Unha iniciativa organizada polo Concello de Frades e que supón o punto de partida para a súa programación de Nadal 2021.
O Mercado de Artesanía coincidiu no tempo co tradicional mercadillo da Ponte Carreira, polo que durante a mañá tivo garantida a asistencia de numerosos veciños e veciñas tanto de Frades como dos concellos veciños. Pola tarde, Garabato de Xogos organizou un obradoiro de adornos de Nadal e unha serie de xogos populares que congregaron a numerosas familias.
Ao rematar sorteouse unha cesta de produtos ecolóxicos entre todas as persoas que fixeron compra no Mercado. O alcalde de Frades, Roberto Rey, amosouse moi satisfeito co desenvolvemento do Mercado de Artesanía e agradeceu “a toda a xente que se animou a comprar algo no mercado e visitar a nosa hostalería e comercio local, así como a todas as persoas que doaron e mercaron libros e xoguetes no posto solidario da ANPA do CPI de Ponte Carreira para axudar aos habitantes da Palma afectados polo volcán Cumbre Vieja”.
Programa de Nadal
Este Mercado de Artesanía abre a programación do Concello de Frades para este Nadal. Así, ata o 17 de decembro está aberto o prazo de inscrición nos Campamentos Municipais de Nadal, dirixidos a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Terá lugar no pavillón municipal de Ponte Carreira, en horario de 9:30 a 13:30 horas, durante 12 días (22, 23, 24, 27, 28, 29, 30 e 31 de decembro e 3, 4, 5 e 7 de xaneiro). O prezo será de 20 euros para persoas empadroadas, 15 euros no caso dun segundo irmán ou irmá e un desconto do 50% no caso das familias numerosas. As persoas non empadroadas aboarán 30 euros.
O vindeiro luns 20 de decembro, os nenos e nenas de Preescolar na Casa e das casas niño “Xoaniña” e “Axóuxere” recibirán a visita de Papá Noel, quen lles recollerá as súas cartas e escoitará as súas peticións de agasallos para os próximos días. Unhas misivas que intercambiará por lambonadas. Paralelamente, o Carteiro Real visitará o CPI de Ponte Carreira para repartir lambetadas e recoller as cartas para os Reis Magos.
O 28 de decembro terá lugar a xa tradicional excursión a Xuvenlugo, con saída ás 15:00 horas dende o Concello. O prezo será de 5 euros para persoas empadroadas (8 para non empadroadas) e é preciso anotarse antes do 23 de decembro. A excursión inclúe unha visita ao parque de ocio infantil e xuvenil lucense con ludotecas, inchables, obradoiros, videoxogos, minigolf, pistas de slot, escape rooms, atraccións, rocódromo....
O xoves 30 de decembro terá lugar outra das actividades tradicionais: a Festa de Nadal, que comezará ás 16:30 horas no polideportivo de Ponte Carreira con obradoiros, xogos, merenda, inchables e moitas sorpresas. Este ano contará coa actuación do mago Dani Polo e o seu espectáculo “Enmaxiarte”, a partir das 19:30 horas. Entrada de balde, previa inscrición antes do 28 de decembro.
O ano pecharase o venres 31 de decembro cunha andaina solidaria en beneficio de Asotrame (Asociación galega de transplantados de médula ósea). O punto de encontro será a Praza de Ponte Carreira, ás 15:15 horas, e as persoas participantes afrontarán 7,5 km de ruta, entre Ponte Carreira e a área recreativa dos Pazos de Aiazo. As inscricións poden facerse en www.carreirasgalegas.com e custan 5 euros para persoas adultas (de balde para os menores de 12 anos).
Saltos para recibir 2022
O 2022 chegará a Frades cunha excursión a Santiago de Compostela o martes 4 de xaneiro para desfrutar da pista de xeo de Área Central e dun parque de saltos de 2.440 m2 con camas elásticas e fosos de escuma. O prezo para persoas empadroadas, xantar incluído, é de 25 euros (20 euros no caso de nenos/as ata 15 anos). No caso dos non empadroados, o prezo é de 30 e 25 euros, respectivamente. Inscricións ata o 31 de decembro.
A programación culminarase o mércores 5 de xaneiro coa cabalgata e festival de Reis, cuxo emprazamento e modalidade determinarase dependendo das condicións sanitarias vixentes nese momento. O Concello informará a través da súa web e das súas redes sociais dos lugares e actividades previstas, se ben a inscrición xa está aberta dende hoxe e ata o 3 de xaneiro.
En todos os casos, os veciños e veciñas que desexen participarán en calquera das actividades deberán anotarse no Concello de Frades: 981 695 567 ou 981 695 663. O Concello de Frades conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña para a elaboración desta programación cultural.