Papá Noel visita aos meniños e meniñas das 3 casas niño de Frades e de Preescolar na Casa
Os nenos e nenas de Preescolar na Casa e das tres casas niño de Frades (Axóuxere en Galegos, Xoaniña en Abellá e Garatuxa en Vitre) recibiron esta mañá a visita de Papá Noel que, acompañado pola súa axudante elfa, lles recolleu as súas cartas e escoitou as súas peticións de agasallos para estas datas. Unhas misivas que intercambiou por lambonadas. Paralelamente, os nenos e nenas de Infantil e Primaria do CPI Ponte Carreira recibían a visita do Paxe Real, que recolleu as súas cartas e lles entregou un paquete de lambetadas.
O programa especial de Nadal do Concello de Frades continuará este venres 24 de decembro coa visita de Papá Noel no seu trineo máxico á praza de Ponte Carreira. Papá Noel, que estará acompañado polo seu elfo e por Olaf (o boneco de neve de Frozen), recibirá á rapazada baixo carpa de 16:30 a 19:30 horas. A participación é libre e totalmente de balde, sendo obrigatorio levar máscara en todo momento aínda que a actividade sexa ao aire libre.
Así mesmo, o martes 28 de decembro, coa xa tradicional excursión a Xuvenlugo. O prezo é de 5 euros para persoas empadroadas (8 para non empadroadas) e é preciso anotarse antes do 23 de decembro. E o xoves 30 de decembro terá lugar a Festa de Nadal, que comezará ás 16:30 horas no polideportivo de Ponte Carreira con obradoiros, xogos, merenda, inchables e moitas sorpresas. Este ano contará coa actuación do mago Dani Polo e o seu espectáculo “Enmaxiarte”, a partir das 19:30 horas. Entrada de balde, previa inscrición antes do 28 de decembro.