spacer
O Concello de Frades inicia na praza de Ponte Carreira a itinerancia do Punto Limpo Móbil

O Concello de Frades fai público o calendario coas datas e lugares nos que estará o novo punto limpo móbil que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas entregou a Frades e Mesía. Cada municipio conta cun caixón para a recollida dos refugallos, polo que só restaba decidir as datas e os lugares nos que se emprazarían ata final de ano.

No caso de Frades, o punto limpo móbil está instalado dende hoxe na praza de Ponte Carreira (Gafoi), onde permanecerá ata o vindeiro 10 de maio. Dous días despois, o 12 de maio, estará no aparcadoiro da igrexa de Aiazo e así ata cubrir as doce parroquias do municipio antes de finais de 2022. “O punto limpo estará unha media de doce días en cada parroquia e permitiranos achegar a reciclaxe á veciñanza e así facilitar unha correcta xestión dos residuos domésticos”, explica Manuel Ferreiro, concelleiro do Medio Rural.

O funcionamento do punto limpo móbil é bastante sinxelo. O camión despraza ao lugar desexado unha plataforma que está dividida en contedores coas diferentes fraccións que se poden reciclar: pequenos electrodomésticos, pilas, papel, vidro... entre outros residuos. O caixón irá rotando por todas as parroquias, algunhas como Gafoi, Aiazo, Moar, Galegos, Frades e Abellá ata en dúas quendas antes de que remate o ano.

Este punto limpo móbil Frades-Mesía é un dos concedidos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o pasado ano 2021. O Departamento dirixido por Ángeles Vázquez achegou aos Concellos de Frades e Mesía unha axuda de case 70.000 euros para a prestación deste servizo mancomunado, que complementará o servizo que presta o punto limpo posto en marcha en Céltigos grazas a unha achega autonómica de 276.000 euros.

O Concello de Frades inicia na praza de Ponte Carreira a itinerancia do Punto Limpo Móbil