spacer
Nuno Costa e Edymar Brea gañan a VII Carreira Pedestre Popular de Frades, na que tomaron parte 402 atletas

Os atletas Nuno Costa (SD Compostela Atletismo) e Edymar Brea (Ada Calviá) foron os gañadores da sétima edición da Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, celebrada esta mañá na contorna de Ponte Carreira e que rexistrou a segunda maior participación da súa historia: 402 atletas. Costa e Brea toman así o relevo de Lolo Penas e Paula Mayobre, gañadores da sexta edición disputada en 2019 e que non participaron este ano por lesión.

O tempo condicionou en gran maneira a proba. Primeiro, porque as fortes tormentas caídas en toda a contorna de Compostela botaron atrás a case 120 persoas que estaban inicialmente inscritas, no que prometía ser a edición con maior participación na curta historia da carreira. E, segundo, facendo máis dura a proba absoluta, xa que o tempo aguantou durante as probas escolares pero rompeu a chover nada máis saír os máis de 200 participantes na proba absoluta, da que só 162 chegaron á meta.

Récord absoluto e dominador da proba

Aínda así, Nuno Costa, corredor portugués afincado en Oroso, demostrou o ben que se lle dá esta carreira. En primeiro lugar, gañando a proba e igualando así a Lolo Penas en número de vitorias: 2, se ben o atleta portugués conta con 2 segundos postos nas súas catro participacións nesta proba. Pero, ademais, a pesar do vento e da forte choiva que caeu durante a carreira, Nuno Costa marcou o récord da proba: 25 minutos e 54 segundos, sendo ademais o primeiro atleta que consigue cubrir os 8,6 km da carreira en menos de 26 minutos.

É máis, o segundo clasificado, Alejandro Fernández Rivera (Adá Calviá) marcou un tempo de 26 minutos e 7 segundos, o que supoñía tamén bater o récord da proba, establecido no 2018 polo propio Nuno Costa en 26 minutos e 12 segundos. O terceiro clasificado, Víctor Puyuelo Pardo, marcou un tempo de 26 minutos e 25 segundos. De feito, que os cinco primeiros clasificados baixaran dos 27 minutos fai unha idea da velocidade coa que se levou a cabo a proba: Nasr Bouchaib (Club Deportivo Arzúa, 26:37) e Jorge Puig Malvar (Club Atletismo Santiago, 26:53).

Edymar Brea, chegar e encher

Se na categoría masculina mantense a “maldición” de que ningún atleta é quen de repetir vitoria en Frades, hoxe rompeuse o domingo da ferrolá Paula Mayobre, gañadora ata en cinco ocasións desta proba e que desta vez non puido defender o seu título por unha lesión. Ao igual que pasou en 2016, único ano no que Mayobre non gañou esta proba en Frades, a vitoria caeu de man dunha debutante na proba: Edymar Daniely Brea Abreu (Ada Calviá) cun tempo de 30 minutos e 45 segundos, que lle permitiron entrar no posto 16 da carreira absoluta e cunha moi cómoda vantaxe sobre a súa perseguidora de máis de dous minutos e medio.

Rocío Alvite Ferreira (Atletismo Sar) repetíu o seu segundo posto de 2017 cun tempo de 33 minutos e 12 segundos, que lle serveron para entrar no posto 34 da clasificación xeral. Completou o podio Beatriz Barroso Pérez (Club Atletismo Noia) con 34 minutos e 17 segundos. Tamén foron distinguidas Lucía Peón Santomé (Atletismo Arenteiro) e Martina Tasende Andrade (Club Atletismo O Pino).

Martín Espiñeira e Pilar Carreira, os mellores locais

Ademais dos correspondentes trofeos, estes dez primeiros clasificados de ambas categorías levaron uns premios en metálico de 300, 200, 100, 75 e 50 euros, respectivamente. O Club Atletismo Sar-Vermú Petroni repetiu o triunfo por equipos na categoría masculina por cuarto ano consecutivo, seguido pola SD Compostela Atletismo e o Club Atletismo. Na categoría feminina, o triunfo foi para as atletas da SD Compostela Atletismo, seguidas.

Os mellores locais foron Martín Espiñeira Vilariño (55 cun tempo de 34:40) e Pilar Carreira Oteiro (153 cun tempo de 50 minutos e 21 segundos). Completaron o poido de mellores atletas locais Sonia Costoya Sueiro (156 cun tempo de 53 minutos). David Cepeda e Miguel Gafanha completaron o podio masulino.

Uns premios que foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado polos concelleiros de Deportes, Jesús Miguel Prado; Maiores, Jesús Francos;  Medio Ambiente, Juan Carlos Portos; e Medio Rural, Manuel Ferreiro; así como polo voceiro socialista, Enrique Astray. Roberto Rey agradeceu o bo traballo desempeñado pola Federación Galega de Atletismo e Emesports, así como a colaboración dos membros de Protección Civil de Ordes, Ambulancias Nordés e voluntarios de Frades, que permitiron que a proba se desenvolvese sen incidencias. 

Así mesmo, agradeceu a colaboración prestada polos patrocinadores da proba: Deputación da Coruña, Cooperativa Leiteira de Frades, Feiraco, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Nutri Sport, Garabato de Xogos, Camba Distribuciones SL, Eurofrut Sigüeiro, Bar Vilariño, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Froitería A Nova, Pepsico, Erimsa, Carreiras Galegas e Correr en Galicia.

Roberto Rey, Juan Carlos Portos e Jesús Miguel Prado fixeron entrega de medallas e lambonadas a todos os participantes nas probas escolares. Ademais, todos os atletas levaron unha camiseta de agasallo e desfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, bebidas enerxéticas, leite 100% galega e froita, cortesía dos patrocinadores da proba, así como chocolate. Ademais dos tradicionais servizos de ducha e roupeiro, os participantes que o precisaron puideron gozar tamén dun servizo de fisioterapia totalmente de balde.

Nuno Costa e Edymar Brea gañan a VII Carreira Pedestre Popular de Frades, na que tomaron parte 402 atletas