spacer
O Concello de Frades inviste máis de 93.000 euros na compra dun novo tractor con pa

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Obras e Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, desprazáronse ao concesionario de Maquinaria Agrícola del Noroeste SL en Ledoira (Frades) para recolleren un tractor equipado con pa. Unha maquinaria adquirida tras un proceso de licitación no que resultou adxudicataria a firma Maquinaria Agrícola del Noroeste por un importe de 93.570 euros, dos que a Deputación financia 74.880 euros a través da única subvención nominativa concedida ao Concello nesta lexislatura mentres que o resto será achegado polo Concello de Frades a través de fondos propios. 

O novo tractor é un John Deere 6130M, cun motor de 4,5 l con 4 cilindros e unha potencia máxima de 144 CV, está especialmente deseñado para o traballo con pa cargadora, unha Metal-Fach T229 de 1.600 kg. Unha nova maquinaria que o Concello de Frades destinará a labores de roza e arranxo dos máis de 600 quilómetros de pistas e estradas que compoñen a súa rede viaria municipal.

Este tractor únese á rozadoira lateral achegada o pasado mes de novembro polo Fondo de Compensación Ambiental aos Concellos de Frades e Ames. Unha rozadoira de sesenta cabalos de potencia e cunha transmisión indirecta para que sexa máis segura á hora de traballar. A Xunta de Galicia investiu 35.700 euros na compra desta maquinaria e para financiar o servizo de protección do medio ambiente e do espazo natural que comparten ambos os dous municipios.