Un total de 120 veciños e veciñas de Frades desfrutan da excursión a Xuvenlugo
Un total de 120 veciños e veciñas de Frades participaron na tarde de onte mércores na xa clásica saída a “Xuvenlugo”, que organiza todos os anos o Concello de Frades. Unha cifra que supón igualar o récord de participación rexistrado o ano pasado, o que demostra o interese que esperta esta feira lucense que inclúe diversas atraccións e xogos dirixidos ao público infantil e xuvenil.
A expedición saíu ás tres da tarde da casa do concello nuns autobuses que os trasladaron ata Xuvenlugo, onde os veciños e veciñas puideron desfrutar de ludotecas, inchables, obradoiros, videoxogos, minigolf, pistas de slot, salas de escape room, atraccións variadas, rocódromo e moitas máis actividades. Unha viaxe na que estiveron acompañados polo alcalde, Roberto Rey Martínez; o concelleiro de Xuventude, Juan Carlos Portos; e polo técnico municipal de Deportes, Lino Espiñeira.
A próxima saída terá lugar o luns 2 de xaneiro a outro parque de atraccións, neste caso Multixogo Nadal no Multiúsos Fontes do Sar (Santiago de Compostela). O prezo será o mesmo ca en Xuvenlugo: 6 euros persoas empadroadas ou escolarizadas en Frades (tres euros máis para as que non o estean). Ademais das atraccións xa mencionadas, haberá acceso a unha tirolina de 80 metros, piscina de bolas xigante, karts a pedais, xogos interactivos e a actuación de Pakolas co espectáculo “Rockeando con Ramona Órbita”. Inscricións no Concello (981 695 567).