spacer
Frades abre a inscrición no concurso de disfraces de Entroido, que repartirá máis de 1.200 € en premios o domingo 19 de febreiro

O Concello de Frades abre o prazo de inscrición no seu tradicional concurso de disfraces, que terá lugar o domingo 19 de febreiro, ás 17:00 horas, no pavillón municipal de Ponte Carreira. Un concurso aberto a todas e todos cantos se anoten no Concello de Frades ou nos teléfonos 981 695 567 e 981 695 663 antes das 14:00 horas do venres 17 de febreiro, xa que non se aceptarán inscricións o mesmo día do concurso.

Despois de dous anos de ausencia por mor da pandemia sanitaria, o Concello de Frades incrementará este ano a cantidade destinada a premios ao engadir un premio máis nas categorías de grupo infantil e grupo de persoas adultas. Deste xeito, o Concello de Frades repartirá un total de 1.205 euros en premios. Os dorsais dos participantes poderán recollerse no propio pavillón polideportivo de Ponte Carreira o día do concurso a partir das 16:30 horas. 

Premios

Polo demais, o concurso mantén as dúas categorías: infantil (ata 14 anos) e adulta (máis de 14 anos); e dúas modalidades: individual (1 ou 2 compoñentes) e grupos (máis de dous compoñentes). Haberá premios de 300, 150 euros e 75 euros para os tres mellores grupos adultos; así como 100 e 50 euros na categoría individual. Na categoría infantil, os tres gañadores do concurso de grupos levarán 100, 60 e 30 euros, respectivamente; mentres que os vencedores do concurso individual infantil levarán 60 e 30 euros. 

Os premios especiais aos mellores disfraces individuais ou grupos de Frades, sempre que non foran premiados noutra categoría, serán de 125, 75 e 50 euros. Durante toda a tarde, o pavillón municipal de Ponte Carreira acollerá tamén unha gran festa de animación con xogos, inchables, mascotas, música, fotomatón e unha gran chocolatada.