O Concello de Frades conmemora o 25N baixo a lenda: “As mulleres poden!”
O Concello de Frades conmemorou hoxe o Día Internacional contra a Violencia de Xénero cunha serie de actos institucionais que comezaron pola mañá no CPI de Ponte Carreira. Aló, o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, visitou o CPI Ponte Carreira, onde repartiu gorras e mochilas da campaña “As mulleres poden!”, baseada nun deseño elaborado por tres alumnas de 1º da ESO do IES de Ponte Carreira: Brais Novoa, Fabián González e José Martín.
Uns mozos que, como gañadores do concurso convocado polo Concello de Frades e no que tomou parte todo o alumnado do colexio, tamén inmortalizaron o seu deseño nun graffiti elaborado polos propios alumnos e que se pode ver no exterior do pavillón polideportivo municipal de Abellá.
Por outra banda, os nenos e nenas de Primaria do CPI de Ponte Carreira tamén desfrutaron do espectáculo “Pola igualdade dende a maxia”, da maga Leo Leíño. Un show no que, a través de xogos, déronse a coñecer as persoas que loitaron polos dereitos da muller.
Finalmente, ás 12:00 horas a casa do concello de Frades acolleu a tradicional concentración en conmemoración do 25N, na que participaron traballadores e traballadoras municipais, así como representantes políticos. A concelleira de Muller e Igualdade, Ángeles Álvarez Carro, foi a encargada de dar lectura ao manifesto institucional, previo a un minuto de silencio en memoria das mulleres e crianzas asasinadas este ano vítimas da violencia de xénero e da violencia vicaria.