spacer
O Concello agarda que o curso “Elaboración de produtos lácteos” sexa un primeiro paso de cara a producir produtos de maior valor engadido en Frades

O concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, inaugurou esta mañá o curso de “Elaboración de produtos lácteos”, unha iniciativa formativa gratuíta de 16 horas de duración que se impartirá no centro sociocomunitario de Ponte Carreira os próximos días 3, 8 e 10 de xullo, en horario de 10:30 a 14:30 horas. 

Ferreiro Marzoa amosou a súa satisfacción pola celebración deste curso xa que “Temos granxas punteiras en produción láctea e Frades é un dos concellos gandeiros por excelencia en Galicia”, polo que agarda que “isto sexa a semente de algo máis grande, o primeiro paso en Frades de cara a facer produtos de maior valor engadido como poden ser o queixo, o iogur ou o kefir”. 

De feito, o curso comezou esta mañá cuns breves conceptos básicos sobre o leite e os seus derivados, facendo fincapé na hixiene e nos métodos de análise. Porén, os técnicos do Laboratorio Lácteo Galego apostan por unha formación eminentemente práctico, onde a ducia de alumnos e alumnas inscritos aprenderá a elaborar iogures, queixos, doce de leite, requeixo, kefir... Un alumnado entre os que hai varias gandeiras, así como outros perfís.

O concelleiro de Medio Rural tamén amosou o seu agradecemento á SAT Outeiro Frades SL, que achegou a materia prima necesaria para a celebración deste curso. O curso está organizado polo Concello de Frades, en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade e o Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade.