Cheo total na excursión organizada polo Concello de Frades para ver as luces de Nadal de Viana do Castelo e Vigo
Un total de corenta veciños e veciñas de Frades viaxaron esta pasada fin de semana a Viana do Castelo e Vigo nunha excursión de dous días organizada polo Concello de Frades e Excursiones Miranda para desfrutar dos alumeados especiais de Nadal de ambas as dúas vilas. Unha expedición que estivo acompañada polo concelleiro de Maiores, Jesús Francos.
A expedición saíu na mañá do venres 13 de decembro con destino a Baiona, onde tras unha visita á vila se trasladaron ao hotel en Oia para xantar. Pola tarde, cruzaron a fronteira para visitar Santa Lucía e Viana do Castelo, onde desfrutaron do seu alumeado de Nadal antes de regresar a Oia, onde tiveron unha cea de confraternidade con queimada.
Tras facer noite en Oia, a expedición pasou a mañá do sábado 14 de decembro de compras pola feira de Vilanova de Cerveira, para despois visitar as luces de Nadal de Vigo e emprender o regreso a casa.