spacer
A XIX Festa da Merenda de Aiazo (Frades) terá lugar este domingo 29 de marzo

A área recreativa Os Pasos, na parroquia de Aiazo (Frades), acollerá este domingo 29 de marzo a edición número dezanove da Festa da Merenda, que organiza a asociación de veciños “Os Pasos” en colaboración co Concello de Frades, a Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Ordes, a través do proxecto Terra Activa. A festa dará comezo ás 12:00 horas, coa degustación gratuíta das merendas elaboradas baixo unha carpa pechada e que rematará ben entrada a noite, coa verbena a cargo das orquestras Los Satélites e Olympus.

Dende o mediodía, unha trintena de cociñeiras da asociación veciñal comezarán a preparar as tortillas de masa, que se poderán degustar de balde con cada consumición ou comprar para levar en caixas de pizza. Unhas merendas elaboradas cunha base común a base de ovos, auga e fariña, pero ás que despois cada cociñeira dálle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).

A sesión vermú estará amenizada polos DJ A30-60. Como todos os anos, haberá xogos infantís, postos de artesanía, food-truck, cantina e polbeira aberta todo o día. Pola tarde, a música seguirá o ritmo da Charanga BB+ e, a partir das 18:30 horas, terá lugar a tradicional verbena coas orquestras Los Satélites e Olympus.

Tanto a degustación de merendas como os xantares faranse baixo grandes carpas, se ben as previsións son optimistas e hai máis posibilidades dunha xornada soleada ca de choiva. A organización facilitará varias zonas de aparcamento na contorna do campo da festa, xa que o acceso de automóbiles á área recreativa só estará permitido para carga e descarga ata as 12:00 horas. 

A XIX Festa da Merenda está organizada pola asociación de veciños Os Pasos de Aiazo, en colaboración co Concello de Frades, a Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Ordes, a través do proxecto Terra Activa.

A XIX Festa da Merenda de Aiazo (Frades) terá lugar este domingo 29 de marzo