Frades pon en marcha o programa “O fío do tempo” cunha xornada de intercambio entre rapazada da ESO e as persoas usuarias das dúas casas do maior do municipio
O Concello de Frades, en colaboración cos Servizos Sociais da Deputación da Coruña, puxo hoxe venres en marcha esta semana un novo programa de actividades compartidas entre mocidade e persoas maiores: “O fío do tempo”. Unha iniciativa na que tomaron partes as persoas usuarias das casas do maior “Sorrisos” (Abellá) e “O Noso Fogar” (Galegos), así como mozos e mozas de 1º, 3º e 4º da ESO do CPI Ponte Carreira.
O alcalde en funcións, Manuel Ferreiro, foi o encargado de darlles a benvida a todos ao centro sociocomunitario de Ponte Carreira indicándolles que “coa posta en marcha deste programa, o que buscamos é promover a transmisión de valores, inquedanzas, coñecementos e vivendas entre estes dous grupos de idade”. Uns obxectivos que, despois desta primeira sesión e logo do éxito acadado polas “Lecturas compartidas cos nosos maiores”, “anímannos a seguir promovendo este tipo de reunións e a fixalas como unha actividade fixa na programación anual do Concello de Frades”, anunciou Ferreiro Marzoa.
A sesión de hoxe venres estivo dirixida pola pedagoga Carmen Sotelo, quen utilizou a música como elemento de conexión entre ambos grupos de idade. Utilizando grupos tradicionais contemporáneos e versións por todos coñecidas como o “Pousa, pousa”, co que se pechou a actividade, a mocidade comezou a interesarse polas experiencias que lles contaban os seus maiores. Así, sorprendéronse de que nos seus tempos as festas só contaban cun gaiteiro ou sen iso, xa que moitas veces eran as propias veciñas quen tiraban de pandeireta para poñerlle música á xornada. “Cando viña un grupo de gaitas, era porque estabas nunha festa grande”, explicaba unha das usuarias das casas do maior.
A rapazada tamén estivo sorprendida por algúns costumes dos seus devanceiros: como o da “roupa dos domingos”, como se desprazaban ao colexio e como eran as súas tarefas do día a día cando novos. Un dos momentos máis divertidos foi cando unha das rapazas se queixaba do comportamento do seu irmán, ao que unha das persoas maiores respondeulle: “pois imaxina como vivín eu, que tiña once irmáns”. Unha afirmación que causou impresión na xornada, pois ningún dos presentes podía chegar a imaxinar como sería convivir nunha mesma casa con once irmáns máis. O acto rematou cunha posta en común de impresións por parte dos mozos e mozas, escritos en post-it sobre unha pancarta, e dos maiores asistentes sobre o que lles transmite a música e os recordos que lles traen.
Ferreiro Marzoa aproveitou para agradecer a colaboración do CPI Ponte Carreira, a través do equipo do equipo de dinamización da lingua galega e da biblioteca do centro, así como das responsables das casas do maior “O noso fogar” e “Sorrisos”.