O Concello de Frades prohibe o uso da auga municipal para encher piscinas e regar xardíns
O Concello de Frades vén de aplicar o Artigo 14J da súa Ordenanza Municipal de Abastecemento de auga para prohibir a utilización da auga municipal para encher piscinas, regar cultivos e xardíns, e outros usos similares. Unha medida tomada polo Concello para previr problemas de subministro de auga con motivo da chegada do verán e da vaga de calor.
Dende o Concello de Frades agradecen a colaboración de todos os veciños e veciñas do municipio con estas medidas, coas que se busca manter a calidade do subministro para uso domiciliario e para as explotacións gandeiras. De feito, no caso das granxas, a propia ordenanza municipal recolle que só está permitido o uso da auga para o consumo dos animais e a limpeza dos equipos de ordeño e enfriado do leito.
O alcalde, Roberto Rey, recorda que “a auga é un recurso escaso, de todos e para todos, polo que apelamos á responsabilidade de todos os veciños e veciñas na necesidade dun aforro e dun consumo responsable da auga da rede de abastecemento”.