O Concello de Frades acomete un intenso programa de bacheo nas distintas parroquias
O Concello de Frades está a acometer durante este mes de xullo un intenso programa de bacheo das pistas e estradas municipais nas distintas parroquias. Unha actuación realizada con 30.000 euros de fondos propios e coa que pretende reparar aquelas pistas que non están incluídas en ningún dos proxectos que se están executando ou se vaian executar nos próximos meses.
“Acabamos de licitar por máis de 100.000 euros a mellora da pista da Igrexa á Devesa en Aiazo, temos outros tres proxectos en fase de licitación por case 350.000 euros máis e antes de setembro licitaremos outros tres proxectos por outros 450.000 euros. Unhas pistas que, como van ser reparadas nos próximos meses, quedaron fóra deste plan municipal de bacheo por todas as parroquias, que é unicamente para aquelas pistas e estradas que non están incluídas en ningún proxecto que se vaia executar nos próximos meses”, explica o concelleiro de Obras, Manuel Ferreiro Marzoa.
Así, no que vai de mes o Concello de Frades xa ten actuado nas parroquias de Abellá, Papucín, Moar, Frades e Añá, “e continuaremos actuando durante este mes de xullo noutros puntos do concello porque entendemos que esta é a época máis axeitada para realizar estes bacheos, para reparar os danos dos temporais do inverno pasado e afrontar con maior seguridade o próximo inverno”, conclúe Ferreiro Marzoa. Neste sentido, o concelleiro insiste: “se algún veciño se pregunta por que non se bacheou unha pista da súa parroquia, o máis probable é que sexa porque está incluído nalgún dos sete proxectos pendentes de execución este mesmo ano”.