spacer
A delegada da Xunta na Coruña e o alcalde de Frades visitan as casas niño Xoaniña e Axóuxere

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, visitou as casas niño de Xoaniña (Abellá), a primeira casa niño que abriu as súas portas na  provincia da Coruña, e Axouxere (Galegos). Unhas visitas nas que fixo un balance positivo das casas niño, un servizo pioneiro que Galicia comezou a implantar hai dez anos e que está a ser imitado por outras comunidades autónomas.

Belén do Campo fixo fincapé nas moitas vantaxes que se derivan da posta en marcha destas instalacións. Por unha parte, axudan a fixar poboación, ao dar opcións de conciliación tamén nos concellos máis pequenos e facelos, así, máis atractivos; ao tempo que xeran postos de traballo dos profesionais que as xestionan. “Queremos que a xente quede a vivir nos concellos do rural”, sinalou a delegada, quen asegurou que, para iso, cómpre apostar por ofrecer “servizos de primeira categoría” en todo o territorio.

A representante do Goberno autonómico lembrou que comunidade autónoma ten na actualidade máis de 100 casas niño en servizo distribuídas por todo o territorio cun investimento de 13,5 millóns de euros, entre as que suman máis de 500 prazas gratuítas para nenos de 3 meses a 3 anos cun orzamento de 10,5 millóns de euros. Na provincia da Coruña contamos con 17 instalacións deste tipo en 14 concellos que contan cunhas achegas de máis de 1,6 millóns de euros para o seu funcionamento.

Servizo no rural

Pola súa banda, o alcalde de Frades, Roberto Rey, puxo en valor o traballo das tres casas niño operativas no municipio: as mencionadas Xoaniña e Axóuxere, así como Garatuxa, na parroquia de Vitre. Uns servizos cos que o Concello colabora tanto economicamente, cunha achega anual de 600 euros a cada entidade, como no desenvolvemento de actividades, como unha sesión de “O fío do tempo” con persoas usuarias das dúas Casas do Maior do municipio.

Así mesmo, Roberto Rey salientou “a importancia que teñen as Casas Niño en concellos rurais como Frades que non dispoñemos de gardería municipal xa que, por desgraza, non temos o número necesario de nacementos para encher unha instalación semellante. Sen embargo, somos dos municipios que contan con máis Casas Niño, un total de tres que permiten dar un servizo personalizado e gratuíto a quince nenos de 0 a 3 anos, o que cubre as nosas necesidades”.

A delegada da Xunta na Coruña e o alcalde de Frades visitan as casas niño Xoaniña e Axóuxere

Novas Casas Niño

Na visita a delegada destacou que a Xunta publicou unha nova convocatoria de axudas para a creación de cinco novas casas niño. O obxectivo da Xunta é continuar reforzando a rede de recursos destinadas a atención da primeira infancia, especialmente, nas zonas rurais. O prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 14 de setembro.

A Xunta inviste máis de 300.000 euros para poñer en marcha cinco novos servizos de atención a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos nos concellos do rural galego que están operativos once meses ao ano e oito horas ao día.

Con esta nova orde dáselle continuidade ás medidas impulsadas pola Xunta para favorecer a conciliación das familias, como a gratuidade da educación infantil 0-3, e que sitúan a Galicia como unha comunidade referente nesta materia; ou o Bono Concilia Familia, unha achega económica directa para contribuír a sufragar os custos dos servizos de atención nos períodos non lectivos.

Casas Niño

O obxectivo das Casas Niño é seguir atendendo ás necesidades de conciliación da vida persoal  e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia nos que están establecidas. Ademais de garantir a atención personalizada e gratuíta a nenos ata os 3 anos de idade, as axudas de mantemento deste recurso o ano pasado tamén se puideron destinar á reposición do equipamento cunha achega adicional de 1.500 euros, así como do material didáctico e de xogos; e a obras de reforma, mantemento ou eficiencia enerxética.

Hai que lembrar que a Xunta incluíu na convocatoria do 2025 un incremento de case o 5% da axuda que viñan percibindo as titulares das casas niño e que se puideron acoller a ela aqueles centros que leven funcionando máis de tres anos. Este aumento supuxo elevar ata os 29.000 euros a contía anual que reciben as promotoras destes equipamentos. O obxectivo foi que puidesen facer fronte ao incremento de gastos derivados da subida da luz ou das pólizas de seguro.