spacer
A Xunta de Galicia e Concello de Frades acometerán a humanización dos accesos á piscina municipal

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, mantivo onte martes unha reunión de traballo coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen lle confirmou a aprobación dun proxecto de humanización dos accesos á piscina municipal de Frades, dende o núcleo de Tarrío (parroquia de Papucín). Trátase dun proxecto que se desenvolverá ao abeiro do Plan Hurbe.

O alcalde de Frades agradeceu a sensibilidade da conselleira de Vivenda xa que “se trata dunha obra que mellorará de forma moi significativa a seguridade viaria dos veciños e veciñas de Frades a través da creación de sendas peonís na contorna da piscina municipal e a súa área recreativa, unha zona moi concorrida e onde as persoas tiñan que circular pola estrada, evitando o tráfico”. 

Esta será a terceira actuación que a Xunta de Galicia acometa en Frades ao abeiro do Plan Hurbe. En 2023, o Goberno autonómico e o Concello de Frades investiron algo máis de 156.000 euros nas obras de humanización dos núcleos de Papucín e Fonte Santaia, nas parroquias de Papucín e Moar. Dúas actuacións, financiadas nun 70% pola Xunta e nun 30% pola administración municipal, que melloraron de forma moi significativa a seguridade viaria dos veciños e veciñas destas dúas parroquias a través da creación de sendas peonís nas contornas das igrexas e outros lugares concorridos, como o local social de Papucín. 

A Xunta de Galicia e Concello de Frades acometerán a humanización dos accesos á piscina municipal

Senda peonil

Así mesmo, Roberto Rey aproveitou para interesarse polo estado doutro proxecto presentado polo Concello de Frades para a construción dunha senda peonil entre o núcleo da Pibideira e O Peñasco. Unha senda de algo máis de un quilómetro de lonxitude que daría continuidade á executada en xullo de 2023 pola Xunta de Galicia na estrada autonómica AC-524, na parroquia de Abellá, e que supuxo un investimento de algo máis de 225.000 euros.

“Esta segunda fase ten un coste máis elevado pero agradecemos que dende a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas nos apoien na execución dunhas actuacións que contribuirán a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”, salientou o alcalde de Frades, quen indicou que “na Xunta xa traballan no proxecto desta nova senda, que agardamos que poida acometerse nos próximos anos”.