O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e para material escolar dirixidas a familias cunha renda per cápita inferior a 600 €
O Concello de Frades convoca as axudas para transporte escolar e para a compra de material escolar para o curso académico 2026-2027, que están dirixidas UNICAMENTE ás familias que teñan unha renda per cápita inferior ao IPREM de 2026 (600 euros mensuais e 7.200 euros anuais para doce pagas). O Concello de Frades destina unha partida de 5.000 euros a estas axudas.
A contía das axudas por alumno/a e curso será de 70 euros nas axudas para material escolar (segundo grao de educación infantil), de 200 euros nas axudas para o transporte escolar (bacharelato ou formación profesional grao medio) e de 400 euros nas axudas para gastos de matrícula, aloxamento ou transporte (formación profesional de grao superior ou estudos universitarios de grao ou master).
Para poder optar a estas axudas é preciso que a persoa estea empadroada no Concello de Frades, que estea cursando os estudos para os que solicita a axuda, que a súa familia estea ao día no pago das obrigas tributarias co Concello e non teña pendente de xustificación ningunha subvención anterior. Ademais, no caso das axudas ao transporte, a persoa solicitante non poderá ser titular da Tarxeta Xente Nova nin ter a posibilidade de selo.
Para presentar as solicitudes, as familias deberán dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello de Frades e achegar a seguinte documentación: copia do DNI de todas as persoas integrantes da unidade familiar, copia do libro de familia, resgardo da matrícula do centro no que está a realizar o curso escolar deste ano, xustificante dos ingresos da unidade familiar en 2025 (declaración da renda, nóminas, pensións, certificado de ser demandante de emprego, etc) e certificado do número de conta bancaria a nome da persoa solicitante. Así mesmo, poderanse presentar certificados acreditativos da situación de familia monoparental ou do grao de minusvalía dalgún membro da unidade familiar, se fose o caso.
Para máis información, as familias solicitantes poden dirixirse aos Servizos Sociais Municipais ou chamar ao teléfono 981 695 567.