O alcalde de Frades reúnese co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
O alcalde de Frades, Roberto Rey, mantivo esta mañá unha reunión co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, para abordar as principais necesidades do municipio e avaliar posibles vías de colaboración no marco do compromiso da Xunta coas entidades locais.
Así, Roberto Rey agradeceulle ao conselleiro a súa colaboración para a mellora da estrada que une as localidades de Fontelo (Aiazo) e A Igrexa (San Román de Pasarelos, Oroso). Un investimento de algo máis de 95.000 euros que se vai acometer conxuntamente co Concello de Oroso. "É unha estrada moi coñecida pola veciñanza pero tamén pouco usada, xa que non está nas mellores condicións", explica o alcalde de Frades. A pista ten unha lonxitude duns dous quilómetros, cun ancho de 5 metros na parte de Frades e de 4,5 metros na orosá.
O alcalde de Frades, que aproveitou a reunión para presentar un par de proxectos para o seu estudo por parte da Consellería, anuncioulle a Diego Calvo que en breve se acometerá a obra de mellora de viarios na contorna da Praza de Ponte Carreira, que suporá un investimento duns 45.000 euros e que tamén conta cunha achega da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Neste caso, o Concello de Frades mellorará a capa de rodaxe dos viarios que rodean a praza pública de Ponte Carreira cun aglomerado de 3 centímetros, previo bacheo da zona. A maiores, construiranse dúas beirarrúas de formigón coloreado, baixo as que se canalizará a recollida de augas pluviais mediante a correspondente tubaxe, arquetas sumidoiro e pozos de rexistro. As obras xa foron adxudicadas á empresa Canarga SL e contan cun prazo máximo de execución de seis meses.