Os Concellos de Frades e Oroso invisten 95.000 euros no aglomerado da estrada de O Fontelo (Aiazo)- A Igrexa (San Román de Pasarelos)
A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e os alcaldes de Frades, Roberto Rey, e Oroso, Álex Doval, supervisaron esta mañá a derradeira fase dos traballos de mellora da estrada que une as localidades de O Fontelo, na parroquia de Aiazo (Frades), e A Igrexa, na parroquia de San Román de Pasarelos (Oroso). Unha inversión de algo máis de 95.000 euros e que conta cunha achega de case 50.000 euros a través da orde infraestruturas de uso público de 2026 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Os traballos contemplan a renovación da capa de rodaxe en dous tramos do viario de preto de 2 quilómetros, un en cada Concello. En ambos tramos realizarase a aplicación dunha capa de 3 centímetros de mestura bituminosa descontinua, previa reparación dos baches mediante grava e tratamento asfáltico semiprofundo. As actuacións completaranse coa limpeza de gabias e salvagabias para garantir unha correcta drenaxe lonxitudinal e transversal da vía, así como coa renovación da sinalización horizontal mediante o pintado das liñas de bordo.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, puxo en valor este tipo de actuacións conxuntas “como a que fixemos o ano pasado en Castiñeiro Redondo, porque non ten sentido arranxar unha pista ata a metade do traxecto e que a outra metade estea sen arranxar. Esta estrada entre Aiazo e Pasarelos é coñecida pero non era tan usada pola veciñanza porque non estaba nas mellores condicións”. A diferencia nas achegas municipais, 30.000 euros de Frades por 15.000 euros de Oroso, débese a que aínda que a lonxitude é semellante, a pista é máis ancha na parte de Frades: 985x5 metros, fronte aos 810x4,5 metros do tramo de Oroso.
A delegada puxo en valor a colaboración entre ambas administracións locais para dar resposta a necesidades comúns e impulsar actuacións que repercuten directamente no benestar da cidadanía. Neste sentido, subliñou que a mellora das estradas municipais resulta fundamental para facilitar os desprazamentos cotiáns, favorecer a conexión entre parroquias e concellos limítrofes e incrementar a seguridade viaria, especialmente en contornas rurais.
Orde 2026
Belén do Campo lembrou que esta orde vai dirixida á creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais e está dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros. A través desta convocatoria subvenciónanse as obras nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
As axudas van dirixidas aos concellos de menos de 30.000 habitantes, que poden solicitalas de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións. Cada concello pode presentar un máximo de dúas solicitudes, sempre que unha delas sexa individual e outra conxunta e para actuacións diferentes. Ademais, cada petición debe corresponderse cun único proxecto, que pode abranguer varias accións.
A colaboración do Goberno galego financiará ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas ou as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal.